Mañá comeza en Foz un novo ciclo da escola de pais e nais
MAÑÁ COMEZA EN FOZ UN NOVO CICLO DA ESCOLA DE PAIS E NAIS
O Cenima de Foz acolle mañá as 19:30 horas a primeira das conferencias sobre o anteproxecto de reforma da Lei de Educación
A conferencia “A educación que vivimos. Expectativas ante a nova lei de educación” será a cargo de Xesús Fortes Gómez, Profesor de intervención Sociocomunitaria no IES Portovello de Ourense
Haberá servizo de gardaría gratuíto para os pais e nais que desexen acudir
Lugo, 12 de novembro de 2012. Mañá martes 13 de novembro, ás 19:30 horas no Cenima de Foz, terá lugar a primeira das conferencias do ciclo Escola de Pais e Nais, que pon en marcha a Área de Cultura da Deputación, en colaboración coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega xunto coa FAPACEL, dentro do programa “Aprender para Educar” no mes de novembro. O programa “Aprender para Educar”, vai desenvolver unha segunda quenda de actividades destinadas ao colectivo de pais e nais, co obxecto de fomentar a súa implicación na educación dos seus fillos. Nesta ocasión, na escola de pais e nais trátase un tema que afecta a toda a comunidade educativa e sobre o que se está xerando un gran debate: o anteproxecto que vai reformar o sistema educativo actual.
Para abordalo estará un especialista no tema que levará a reflexionar, tratando de responder a todas as dúbidas que xurdan. A finalidade destas charlas é a de informar aos pais e nais sobre a situación na que vai quedar o sistema da educación unha vez que se aplique a reforma proposta polo Ministerio de Educación o pasado mes de setembro.
Estas conferencias continuarán en novembro nas vindeiras semanas en Lugo e tamén en Monforte de Lemos, o 22 e o 27 de novembro respectivamente.