O BNG DE FOZ EN CONTRA DOS RECORTES QUE O PP QUER FACER NA PROTECCIÓN DAS VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO
No 2013 os recortes que o PP fai nas partidas destinadas á prevención da violencia machista redúcense ata un 70%
Foz a 21 de novembro de 2012.- O BNG de Foz ven de rexistrar unha moción en pleno para defender e mellorar as axudas e a protección das mulleres vítimas da violencia de xénero e oporse a calquera tipo de recorte na loita contra a mesma, como está a facer o PP desde a Xunta e desde o Estado.
Malia os esforzos realizados nos últimos anos, malia o desenvolvemento lexislativo, estamos a ver como o medre do paro e o desmantelamento dos servizos públicos está empobrecendo de xeito especial ás mulleres e afectando gravemente á súa vulnerabilidade ante a violencia machista. Este ano son xa 53 as mulleres asasinadas en todo o Estado, 4 delas en Galiza. A pesar do número elevado de mulleres asasinadas o PP segue facendo recortes e quitándolle relevancia a esta problemática ao mesmo tempo que incumprindo a Lei de Igualdade que din defender. Para o próximo ano os recortes que o PP fai nas partidas destinadas á prevención da violencia machista redúcense ata un 70%. Isto suporá menos atención e menos prevención o que previsiblemente aumentará o número de vítimas.
Para o BNG, a dependencia económica é o maior dos obstáculos para que as vítimas de violencia de xénero rachen coa relación que pon en perigo as súas vidas e por iso rexeitamos os recortes en programas e recursos imprescindíbeis para apoiar ás mulleres que deciden dar o paso como por exemplo a axuda coñecida como salario da liberdade, que chegou en 2010 a 369 mulleres e só a 251 en 2011.
A sombra sobre a continuidade da gratuidade da xustiza e a suba de taxas xudiciais a particulares, que cuestionan o dereito á tutela xudicial, pode influír na decisión final de interpoñer unha denuncia por parte das vítimas ademais de producirse recortes, entre outros, no acompañamento das mulleres para accederen aos recursos e durante os procesos xudiciais. Tamén o persoal especializado e o voluntariado que realizan estas funcións vese tamén afectado polos recortes das axudas aos concellos e outras entidades.
Para o BNG é grave que sigan sen desenvolverse medidas previstas na Lei 11/2007, relativas á implicación do SERGAS na detección, prevención e asistencia ás vítimas de violencia de xénero porque isto pode significar un aumento dos casos de violencia contra as mulleres . Tampouco se realiza na rede pública a atención psicolóxica de mulleres e crianzas afectadas, unha atención fundamental para construír a autonomía persoal e iniciar unha nova vida.
Moitos concellos teñen sido pioneiros no desenvolvemento de medidas contra a violencia de xénero. Nestes momentos de dificultades orzamentarias débense manter e mellorar as actuacións contra a violencia de xénero e de protección ás vítimas. Débese tamén reclamar doutras instancias competentes, o cumprimento das obrigas, da garantía do dereito das mulleres a vivir sen violencia.
Por todo isto, o BNG proponlle ao Pleno da Corporación municipal comprometerse a mellorar os recursos municipais de información, acompañamento e asistencia a vítimas de violencia de xénero, facilitar o acceso ás axudas económicas e á atención psicolóxica e garantir a tutela xudicial das vítimas evitando a disuasión económica das taxas xudiciais. “Os actos simbólicos serven para concienciar á sociedade deste problema pero isto debe acompañarse de medidas de prevención, axuda e asistencia ás vítimas, porque se no os actos non serven da nada” asegura Basanta.