FIN DE SEMANA DE MOTOR EN FOZ.
IX ROTA MONTES DA MARIÑA
Os próximos días 2-3 e 4 de Novembro celebramos a “IX rota montes da Mariña” en Foz. A xunta directiva do clube “Os Correcamiños 4X4” queremos agradecer publicamente a colaboración aportada polos organismos oficiais,empresas e asociacións, que fan posible organizar este evento, Concello de Foz, Deputación Provincial Vicepresidencia 1ª, membros de Protección Civil, Talleres Armando Rodríguez, Frutas Morriña e a todas as empresas e autónomos que colaboraron no cartel publicitario do evento.Tamén salientar o bo entendemento que tivemos coa “Sociedade de Cazadores A Frouxeira” que a fin de semana da rota decidiron non saír a cazar. E como non, a todos os socios que sen o seu traballo sería imposible levar adiante isto.
O venres día 2, a partir das 17:00 horas terá lugar na explanada do porto o recibimento dos primeiros participantes, chegados dende moitos puntos da peninsula, temos inscritos de Portugal, Navarra, Madrid, por mencionar os de máis lonxe e dar conta da popularidade que está alcanzando dita rota, e sen esquecer a xente de Castela, Asturias e por suposto Galega. E pasadas as 22:00 horas teremos a primeira cea do evento onde aos pilotos, copilotos e acompañantes xa lles empeza a subir a adrenalina.
O sábado comezarán a saír os primeiros participantes ás 09:00 da explanada portuaria,dirección San Martiño, onde temos o primeiro paso con dificultade e a súa correspondente alternativa. Despois seguiremos ata o “Pico de Verín” con fermosas vistas. De alí para a zona rochosa de Oirán e “A Frouxeira” baixamos a Santa Cilla e cruzamos pola Teixeira ata Cordido. A continuación entramos nos montes de Cordido e Cangas onde están os pratos fortes con bastantes subidas e pasos de dificultade media-alta. Pola tarde comezamos a vir cara Foz por Ribela. E logo unha das subidas estrelas da rota en Brea (Nois), cruzaremos para Fazouro e rematamos ao lado da canteira do “Pico da Lebre” con outra subida de dificultade media. Cearemos todos xuntos comentando a xornada a partir das 22:00 horas, logo un pouco de festa polos locais da vila e a descansar para a seguinte xornada.
Información para a xente que se queira seguir a rota como público o Sábado nos puntos de mellor aceso:
-As 9:30 horas en San Martiño a uns 300m. parte esquerda dirección Ferreira entre O Carmen e o cruce de Oiran.
-As 10:30 horas Chao Da Regueira a saída de Oiran dirección A Ermida.
-As 13:00 horas Campo De Gamoide en Rúa.
-As 14:00 horas Brea a Coto Do Acivro de fácil aceso en coche dende Nois.
-As 16:00 horas Mornelos o carón da canteira de Seixo
O domingo a partir das 10:30 os participantes poderán demostrar as súas habilidades no “Circuito da Roxa” en Vilaronte, nas distintas probas que se celebrarán durante a mañá. Logo xantar de despedida, entrega de trofeos.
Contaremos con uns 500 participantes e máis de 320 vehículos entre cohes, motos e quads.
O parque pechado estará na esplanada do porto de Foz e as comidas serviranse no pavillón do Colexio Martinez Otero a non haber aforo en ningún local da vila.