O goberno de Cervo pídelle ao BNG que fale con claridade sobre o Museo do Mar e sen escudarse en cortinas de fume
-O executivo cervense tamén lamentou que os socialistas non coñeceran os motivos polos que o obradoiro de emprego se solicitou xunto con Alfoz e O Valadouro, tal e como establecían as bases da convocatoria da Xunta
Cervo, 12 de novembro de 2012-O goberno de Cervo considera que as declaracións do grupo municipal nacionalista sobre a ampliación do Museo do Mar non son serias. “Nós pedímoslles información sobre a situación e ofrecemos a nosa colaboración. Fomos moi claros manifestando a nosa implicación. E que nos responden? Cun cúmulo de declaracións que nada teñen que ver co Museo do Mar. Só lles faltou falar do cambio climático e da paz mundial” asegura o executivo local. O equipo de goberno considera que se trata “dunha cortina de fume dos nacionalistas” para “diluír a súa parte de responsabilidade na paralización total da ampliación”.
O goberno municipal considera que aos nacionalistas “non lles interesa falar abertamente da compra dos terreos” e tampouco “din claramente se queren que se amplíe o museo”, pero defende que “os cervenses teñen dereito a coñecer a postura do BNG e a súa opinión actual”. Os representantes municipais din que “hai dúas cousas moi claras: a ampliación é moi necesaria, e para acometela é imprescindible mercar os terreos anexos. Esas son as dúas cuestións que hai que abordar, todo o demais é embarrar” e o Museo do Mar “é un asunto moi serio no que está implicada a nosa cultura e o noso patrimonio”.
“Os nacionalistas de Cervo dedícanse a botar balóns fóra e a buscar culpables para esgrimir responsabilidades” engade. “O BNG segue dando mostras do seu cinismo. Falan de destinar cartos a servizos sociais, pero non se aplican o conto. Un exemplo claro está na Vicepresidencia Primeira da Deputación (BNG), que reparte millóns de euros pola provincia adiante para construír polideportivos, e mentres a riqueza pesqueira e marítima segue sen espazo oprimida polas catro paredes do museo que xa non permiten acoller máis fondos”.
Obradoiro de emprego
O goberno local tamén fixo alusión ás críticas do grupo municipal socialista, que se queixaba de que Cervo pediu o obradoiro de emprego con Alfoz e O Valadouro. A solicitude tiña que ser conxunta segundo as bases da Xunta, que establecían que os concellos con menos de 500 parados tiñan que unirse con outros municipios limítrofes para pedir o obradoiro de emprego.
“Era tan fácil como ler as bases da convocatoria para entendelo” explica o equipo de goberno “pero claro, para iso era necesario traballar”. “Cando un fala sen saber, ponse en evidencia. Pero o dos socialistas xa non sorprende. O seu é un caso crónico de desidia”, manifesta o goberno municipal “Son grandes especialistas en falar sen saber, aínda que o recomendable é todo o contrario, só falar cando se sabe” engade. “Ler leva o seu tempo, pero ler, e comprender aínda leva máis. E iso é moito pedir para persoas que entenden que estar na oposición se limita a desprestixiar ao goberno”, remata o executivo cervense.