A HOSTALERÍA RIBADENSE PODERÁ PROLONGAR O SEU HORARIO DE PECHE A VINDEIRA MADRUGADA AO IGUAL QUE O RESTO DOS CONCELLOS DA PROVINCIA. A POLÉMICA XURDIDA DURANTE A FIN DE SEMANA QUEDOU RESOLTA HAI UNS MINUTOS.
Ribadeo, 31 de decembro de 2012. Finalmente a hostalería ribadense poderá prolongar o seu horario de peche a vindeira madrugada ao igual que o resto dos Concellos que o solicitaron na provincia de Lugo. Todos os locais poderán ampliar os seus horarios durante tres horas máis da hora habitual de peche, co límite máximo posto nas oito da mañá.
A polémica xurdiu durante a fin de semana cando a Xunta decidiu conceder os permisos correspondentes aos Concellos da provincia de Lugo, agás o de Ribadeo. O alcalde, Fernando Suárez, púxose en contacto coa delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, quen lle asegurou que se tratou dun erro administrativo. O asunto quedou resolto hai uns minutos, e o rexedor amósase agradecido con Raquel Arias.
