Na sesión de venres pasado (25 de xaneiro) o BNG votou en contra da moción (presentada polo PSOE) referente á eliminación da complementación de pensións das prestacións que reciban os empregados do Concello do Valadouro incluídos no Réxime Xeral da Seguridade Social nas situacións de incapacidade”.
Afortunadamente, a moción non foi aprobada (só contou cos votos afirmativos do grupo que a presentou), e cómpre salientar que xa fora presentada polo mesmo grupo no pleno de decembro do 2012 sen atopar o apoio dos demais grupos municipais.
Dende o BNG queremos deixar claro o noso apoio, compromiso e solidariedade coa clase traballadora, por iso nos opuxemos ao atropelo que supón o contido da devandita moción, que de levarse a cabo penalizaría aos/ás traballadores/as no momento de sufrir unha baixa por enfermidade.
Por outra banda, amosamos a nosa estrañeza ante a actuación de forzas políticas que se autodenominan de esquerdas e pretenden eliminar prestacións aos traballadores municipais.
Neste pleno tamén se procedeu a mudar as normas subsidiarias para que o goberno municipal do PP non siga a poñer atrancos á construción do polígono industrial.