“O 30% dos españois compra por Internet, e o número non deixa de medrar, igual que a facturación, que alcanza en Galicia os 700 millóns de euros ó ano. As nosas empresas teñen que aproveitar este gran potencial”, subliña o director de Novas Tecnoloxías, Pablo Rivera.
O ciclo Técnicas de comercialización dos produtos das Reservas da Biosfera, aberto a calquera persoa que desexe participar, terá lugar entre os días 19 e 22 de marzo, de 16:00 a 20:00 horas, no Centro de Innovación Social In Lugo.
Os interesados en asistir ás xornadas, totalmente gratuítas, poden inscribirse xa entrando en www.deputacionlugo.org cubrindo un formulario e enviándoo dende a propia web. As 25 prazas dispoñibles cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
A Deputación de Lugo organiza para entre os días 19 e 22 deste mes unhas xornadas formativas co obxectivo de impulsar o comercio on line dos produtos autóctonos das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares como oportunidade económica destes territorios, que comprenden 29 Concellos lucenses. O ciclo Técnicas de Comercialización dos produtos das Reservas da Biosfera, totalmente gratuíto e aberto a calquera persoa que desexe participar, desenvolverase entre as 16:00 e as 20:00 horas. Os interesados en asistir poden inscribirse xa. Para elo, deben entrar en www.deputacionlugo.org cubrir un formulario e envialo dende a propia web. As 25 prazas dispoñibles cubriranse por rigorosa orde de inscrición. As persoas interesadas en obter máis información poden chamar ó número de teléfono 982-22-51-86.
O director dos departamentos provinciais de Novas Tecnoloxías e Fondos Europeos, Pablo Rivera, subliña que as empresas da provincia “teñen que aproveitar o gran potencial do comercio electrónico. Segundo o Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, do Ministerio de Industria, o 30% da poboación española compra hoxe por Internet -13 millóns de persoas-, e o número non deixa de medrar, igual que a facturación, que alcanzou en Galicia en 2011, o último ano do que hai datos, 700 millóns de euros, un 25% máis que en 2010”. Entrar no e-comercio, explica Rivera, “implica beneficios cuantitativos para a empresa, pola captación de novos clientes e a expansión xeográfica do mercado, pero tamén cualitativos, pois permite prestar servizos personalizados ó cliente e mellorar a calidade do servizo”.
O director de Novas Tecnoloxías destaca que na provincia de Lugo “hai bos exemplos dos beneficios que pode reportar a venda on line, como pode ser o caso de Bicicletas Guillermo de Monforte, que fai o 70% das súas vendas por internet, ou www.comermarisco.com de Burela, que nada máis introducirse no e-comercio logrou que o 10% das súas vendas fosen on line, e prevé aumentalas nun 25%”.
A aposta da Deputación polo comercio electrónico para fortalecer o tecido empresarial da provincia e xerar emprego ten como buque insignia a plataforma www.losproductosdelugo.com que conta hoxe cunha oferta de 100 empresas e uns 800 produtos e servizos, e que recentemente incorporou a liña de venda de produtos en frío. Entre as firmas adheridas na actualidade, encóntranse preto de 60 radicadas nos 29 Concellos que forman parte das Reservas Terras do Miño e Os Ancares, entre elas, queixerías, firmas de embutidos, mel, conservas e establecementos hostaleiros.
Outros recursos que aproveitar
O comercio electrónico non será, en calquera caso, o único eixo das xornadas sobre as Reservas da Biosfera que organizou a Deputación, pois o propósito da convocatoria é poñer en valor os recursos e potenciais de desenvolvemento socioeconómico cos que contan estes territorios. Deste xeito, ofreceranse coñecementos co fin de formar a monitores que actúen de dinamizadores da actividade social, cultural, turística e económica nos territorios das Reservas. Así, ademais das técnicas de comercialización dos produtos das Reservas, nas xornadas abordaranse cuestións como as características destes espazos, a súa historia, e a súa riqueza natural, etnográfica e cultural.
Os 26 Concellos que forman parte da Reserva Terras do Miño son: Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara. Os da Reserva dos Ancares son tres: Navia de Suarna, Cervantes e Becerreá.
O colofón
Estas xornadas son o colofón das actividades que se viñeron desenvolvendo durante o último ano co obxectivo de impulsar o desenvolvemento socioeconómico das Reservas Terras do Miño e Os Ancares no marco dun convenio asinado entre a Deputación de Lugo e o Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente. Entre as actuacións levadas a cabo, destacan, entre outras, a sinalización do territorio das Reservas; un programa de bolsas de emprego a través do que o organismo provincial formou a 24 persoas como guías medioambientais especializados en Terras do Miño e Os Ancares; exposicións, un concurso de fotografías e diversas xornadas formativas para todo tipo de público.
Máis accións estratéxicas
Xunto a esta serie de accións, a Deputación de Lugo ten en marcha na actualidade outros tres proxectos estratéxicos co obxectivo de impulsar o desenvolvemento sostible das Reservas e garantir a continuidade das declaracións da UNESCO ante a revisión que este organismo internacional fará neste ano 2013. Trátase das seguintes iniciativas:
– O organismo provincial, en colaboración cos colectivos sociais e profesionais que forman parte dos órganos de xestión das Reservas, está a elaborar o denominado Plan de Acción, un instrumento que marcará as liñas estratéxicas de conservación e desenvolvemento destes espazos nos próximos 10 anos.
– Está catalogando, en colaboración coa Universidade de Santiago, o territorio das Reservas en función das súas características ambientais.
– E adxudicou recentemente os traballos para a creación de portais web didácticos para difundir a riqueza natural, cultural e etnográfica de Terras do Miño e Os Ancares entre todo tipo de público: nenos, maiores, profesores, estudantes, científicos ou particulares.






















Na Mariña será en Viveiro, na Praza Maior.
As deputadas do PP lucense no Parlamento galego, Raquel Arias e Nicole Grueira, e a alcaldesa de Cervo, Dolores García, mantiveron na localidade un encontro con mulleres vinculadas ao sector do mar co obxectivo de visibilizar e poñer en valor o seu papel fundamental na economía mariñeira e na vida das vilas costeiras. A reunión serviu como espazo de diálogo e recoñecemento ao traballo que durante anos desenvolveron mariscadoras, redeiras e outras profesionais do sector. As populares manifestaron a súa defensa da igualdade e aseguraron que “sen as mulleres o sector do mar non se atende”.
Será na Explanada do Círculo Habanero, en carpa climatizada. Programa: 13:30: Sesión vermú con Dúo Puma. 14:30: Xantar (fabada, costela con patacas, sobremesa, café e bebida). Prezos: Socios 20 €. Non socios 30 €. Nenos 6–12: 15 €. Menores de 6 anos: gratis. Entradas: domingos 15 e 22 de marzo, de 11:30 a 13:30 no Local Social. Contacto: 682 06 57 07
A feira instalarase na Praza da Constitución e contará con showcookings, catas, música en directo e actividades para todos os públicos. O sábado haberá demostración culinaria con Marcos Pereiro, sesión vermú, talleres infantís e concertos de 9Louro e Mondra. O domingo incluirá showcooking de Miguel Mosteiro, novas catas e a tradicional sesión de baile no Centro Cultural.
Pode visitarse ata outubro e explica como se producía o ferro na antigüidade. O documental “Da pedra ao ferro” publicarase proximamente na web do Museo.
Asistiron o tenente coronel Rubén García Díez, que é xefe do Grupo de Honores da Garda Real; o comandante Féliz Rodríguez Alcántara, segundo xefe do Grupo de Honores da Garda Real; o capitán Miguel Martínez Vilela, xefe da Escuadrilla Plus Ultra da Garda Real; así como persoal da devandita escuadrilla. O obxectivo da xuntanza foi coñecer a labor deste grupo do Exército, as actividades que desenvolve e a posibilidade de que algunha delas se poida levar adiante en Ribadeo. Tamén participaron a concelleira de Seguridade, Montse Seijo, e o xefe da Policía Local, Andrés Redondo.
Ás 12:00 h, no Parque Ramón de Campoamor, terá lugar o acto institucional de homenaxe. Pola tarde, no Casino de Navia, haberá actividades abertas ao público: 18:00 h – Recital “Poesía que nos une escondida entre renglones”. 19:00 h – Encontro coa escritora Matilde Suárez, Premio “Ría del Eo”. A alcaldesa, Ana Fernández, destacou o compromiso de Navia por recuperar e poñer en valor o legado do poeta e consolidar o concello como referente cultural.



