O BNG proponlle ao alcalde rebaixar o seu soldo a 40.000 euros, como defende o seu partido en Madrid
Foz, a 8 de marzo de 2013.- O BNG defende unha serie de propostas, tanto nas bases de execución como nas partidas orzamentarias, para os Orzamentos Municipais de 2013. Como di o voceiro municipal, Xan Carlos González Basanta “son propostas que o BNG sempre puxo enriba da mesa cando se debateron os orzamentos, propostas ás que os distintos gobernos non lles fixeron caso e así nos vai”.
O BNG parte da premisa de que uns orzamentos deben basearse na realidade económica e social do noso Concello. Para isto, é tan importante ou máis elaborar unhas bases de execución serias e responsables como presentar unha partidas realistas e cribles que teñan en contas os aspectos máis sociais. O certo é que o baile de cifras nas que o grupo de goberno entrou en varias ocasións cos outros grupos da oposición non serven de nada se non hai vontade de cumprir cos compromisos adquiridos nin responsabilidade á hora de xestionar as contas municipais.
Neste sentido, o BNG ten claro que existen unha serie de medidas a incluír nas bases de execución que son imprescindibles na elaboración dos orzamentos. En primeiro lugar, xúlgamos moi necesario ampliar a vinculación xurídica das partidas. Só así non haberá tanta modificación de créditos nin baile de partidas e garantirase un maior control do gasto público. En segundo lugar, é necesario o cumprimento da lei no que respecta á certificación da existencia de crédito antes de realizar o gasto a través dun procedemento –proposta de gasto- que quede reflectido nas propias bases. E en terceiro lugar, artellar algún procedemento nas bases que garantan na adxudicación de contratos menores os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade. Outras medidas a contemplar nas bases de execución serían adiantar o cobro do IBI para obter unha maior liquidez, a municipalización dos servizos privatizados anteriormente e que caducaron como o da axuda no fogar, mantemento de alumeado público, limpeza instalacións, xestión de multas, mantemento de ascensores, mantemento de semáforos, contratos de seguro, etc., ou o cumprimento dos criterios aprobados polo Pleno no reparto da produtividade.
Respecto ás partidas de ingresos, o BNG está convencido de que o Concello ten que elaborar as partidas en base o recadado –criterio de caixa- e non aos dereitos recoñecidos para ter uns orzamentos máis axustados á realidade. Por exemplo no ano 2012 os dereitos recoñecidos foron de 6.408.410 € pero só se recadaron 5.345.587 € (datos da última liquidación). Tamén serían imprescindibles medidas como aplicar a vía executiva ata as últimas consecuencias na recadación, eliminar os dereitos de dubidoso cobro a través dun expediente de depuración, ser máis escrupuloso no cobro de taxas e de impostos e establecer novos impostos directos como a imposición do IBI ás propiedades da Igrexa Católica que non teñan exención legal. Como contraposición, o BNG propón incrementar as bonificacións e as exencións en taxas e impostos para as persoas e familias máis desfavorecidas economicamente.
Respecto ás partidas de gastos, para o BNG é fundamental seguir o principio de non gastar máis do que se ingresa, sobre todo no que ten que ver co capítulo de gastos en bens correntes e servizos cunha débeda a 31-12-12 de 1.286.501 euros. No ano 2012 os dereitos recoñecidos totais foron de 5.879.499 € pero quedaron pendentes de pago 1.547.587 €.
O BNG defendeu no debate dos orzamentos a non contratación de empresas externas ao Concello para realizar traballos que deben e poden realizar o persoal do Concello. O PP pretende gastar 36.000 € nunha empresa xardinería. Tamén estamos a favor de cumprir o pactado cos traballadores/as do Concello respecto á suba salarial que estaba aprobada na RPT. Agora ben, se tanto lle preocupa ao alcalde o gasto en persoal, o BNG convídao a aplicar a proposta realizada polo PP en Madrid e rebaixarse o salario aos 40.000 euros anuais brutos. Así non deixaría ningún tipo de dúbidas respecto aos sacrificios que, como servidores públicos, os alcaldes deben facer.
Ante as dúbidas da legalidade da escola obradoiro así como da súa efectividade real, o BNG propón dedicar dita partida a asuntos sociais (axudas ou subvencións a persoas e familias máis necesitadas). Non deixa de ser curioso que a Xunta, dunha maneira irresponsable, non queira facerse cargo das competencias en asuntos sociais co único fin de reducir as transferencias e subvencións que ata o momento facía aos concellos a través dos plans e programas sociais.
Respecto ás argumentacións demagóxicas do alcalde culpando á oposición da situación económica do Concello, o BNG ten que dicir que esa situación é responsabilidade única do Sr. Alcalde e do seu grupo de goberno por non xestionar ben as contas municipais. A débeda adquirida cos provedores de case 1.500.000 de euros foi debido única e exclusivamente á mala xestión económica tanto do anterior grupo de goberno socialista como do actual goberno popular. O BNG é moi consciente de que dita débeda habería que pagala dunha maneira ou doutra e que polo tanto non mudaría a situación económica do Concello. A falta de liquidez nestes dous anos nos que o Estado castiga ao Concello a pagar todo de vez, compensase co aforro que o Concello vai a realizar en canto aos intereses debidos aos bancos, nada menos que en máis 200.000 euros. Co Plan de Axuste os intereses que tería que pagar o Concello a 10 anos serían aproximadamente de 300.000 euros mentres que nestes dous anos os intereses a pagar estarán arredor dos 80.000 euros.
O BNG, coma fixo sempre, vai a seguir defendendo uns orzamentos baseados nas persoas, máis sociais que nunca, transparentes nas contratacións, empeñados na creación de emprego estable e de calidade, realistas nas contas, responsables coa súa execución, que graven máis aos poderosos e que defendan a autonomía municipal na toma de decisións.




















Alí salientou o papel que desenvolve este evento no impulso dos produtos agroalimentarios de proximidade, ao tempo que favorece as canles curtas de comercialización. Destacou tamén a importancia deste mercado, considerado como un dos máis antigos da provincia de Lugo, xa que ofrece unha ampla mostra dos principais oficios de artesáns da Idade Media. Ademais, permite aos asistentes gozar de actividades variadas e degustar produtos agroalimentarios diversos.
A institución provincial colabora con ambas citas, organizadas pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, cunha achega económica de 4.000€. García Porto recalcou que “estes eventos son un exemplo de como a historia da emigración pode converterse nun atractivo turístico de calidade, capaz de atraer visitantes e de reforzar o orgullo de pertenza da veciñanza”.
O evento incluirá espicha, queimada, brujo con conjuro e sesión DJ. O prezo é de 50 euros por persoa, con reserva previa no 611 185 336 e prazas limitadas. A organización lembra que “el 12 de agosto cuando caiga la noche la celebración continúa en Los Olivos… la noche culminará con una queimada elaborada por el Brujo Gonzalo, seguida de una sesión DJ para poner el broche final a una jornada inolvidable”.
Baixo o título Memoria de mariñáns. Unha crónica da emigración da Mariña, o xornalista e investigador Martín Fernández Vizoso ofrecerá unha intervención centrada nas historias e vivencias dos emigrantes da comarca, ilustrando o fenómeno migratorio que marcou a vida de moitas familias ao longo do século XX. O evento inclúe tamén unha imaxe histórica de mariñáns retornados de América nos anos 30, que serve de fío visual para contextualizar esta realidade.
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).



