Ao acto, previsto para as 13:15 horas na depuradora, acudirán o director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez e a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias.
Cervo, 23 de marzo de 2013-O Concello quere convidar a toda a veciñanza a acudir á inauguración oficial da Estación Depuradora de Augas Residuais de Cervo que terá lugar este luns día 25 de marzo ás 13:15 horas. Un acto no que estarán presentes o alcalde de Cervo, Alfonso Villares e demais membros do goberno local, o director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez e a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias.
O obxectivo do Concello con esta convocatoria aberta é “que a veciñanza sexa partícipe da inauguración deste equipamento público tan importante para o núcleo de Cervo” tal e como explica o rexedor “e que supuxo un destacable avance no saneamento desta vila”.
A nova Edar leva funcionando dende mediados do ano pasado. Unha instalación da que cabe destacar a utilización dun sistema innovador de depuración ecolóxica na que plantas acuáticas en flotación encárganse de depurar a auga. Un método que permite aforrar enerxía durante o proceso e ao mesmo tempo, “é respectuoso co medio ambiente” engade Villares.
Este equipamento vai ligado á nova rede de saneamento do núcleo de Cervo que foi recepcionada no pasado mes de agosto. Unhas obras, tanto as da rede como as da depuradora, que foron financiadas polo ente público Augas de Galicia e que incluían canalizacións independentes para augas residuais e fecais de forma que se minimizaba o risco de enchentes nunha zona na que se viñan producindo inundacións nos últimos anos.