Cervo, 5 de abril de 2013-A Concellería de Facenda, que dirixe a edil Yolanda Pedreira, informou hoxe da presentación en tempo e forma da liquidación do orzamento de 2012 que superará o último trámite no próximo pleno, no que se dará conta dos resultados á corporación. Unha liquidación que foi aprobada o 20 de febreiro por resolución de alcaldía e que chegou ao Ministerio de Facenda antes do 31 de marzo, cumprindo cos prazos fixados no Texto Refundido da Lei Reguladora de Facendas Locais.
Unha liquidación da que cabe resaltar o saldo positivo dos principais indicadores de solvencia e do equilibrio económico-financeiro das arcas municipais. Así, o remanente de tesourería para gastos xerais ascende a case 1,2 millóns de euros, polo que aumenta en máis dun millón de euros con respecto ao exercicio anterior. “O saldo positivo do remanente de tesourería sempre é unha boa noticia e, neste caso, con máis motivos xa que non é unha situación puntual senón que se ven mantendo como unha constante nos últimos anos” explica a edil de Facenda.
Pedreira destaca a forte subida do remanente de tesourería, “que é moi representativa”. A edil explica que contar cun millón de euros máis que o ano pasado supón “dispoñer de financiamento adicional para asumir posteriores modificacións orzamentarias no presente exercicio no caso de ser necesarias”.
O resultado orzamentario axustado tamén ofrece uns datos favorables, duns 832.000 euros e un incremento de máis de 631.000 euros con respecto ao exercicio de 2011. En canto ao indicador de estabilidade orzamentaria, chega aos 258.000 euros, 232.000 euros máis que no 2011, o que permite falar de superávit estrutural e, polo tanto, dispoñer de capacidade de autofinanciamento.
Pedreira valorou moi positivamente estes resultados da liquidación de 2012 que “nos levan a seguir falando de estabilidade nas contas e que demostran que nos mantemos no obxectivo do déficit público cero”. Uns datos que “indican unha boa xestión dos cartos públicos que, administrados con responsabilidade e rigor, permítennos seguir traballando no beneficio da veciñanza de Cervo”.
Despois de feita e presentada a liquidación do 2012, a edil de Facenda avanzou que “a Conta Xeral do mesmo exercicio tamén terá resultados positivos” xa que a Conta Xeral o que fai é ampliar e matizar os datos obtidos na liquidación.
Subvencións
O Concello de Cervo destina 23.000 euros ás subvencións a entidades deportivas do municipio. Así sae publicado no BOP de hoxe, no que se anuncia a apertura do prazo para presentar as solicitudes, que remata o 23 de abril. Anuncio da convocatoria: http://www.deputacionlugo.org/portal_localweb_ag/RecursosWeb/DOCUMENTOS/1/0_7905_1.pdf#PAGE=6