O Burela FS Pescados Rubén non puido brindar a ansiada vitoria á súa afección para completar o voo da etapa Juanlu. Os laranxas recibiron un castigo excesivo na visita do Ribera Navarra FS a Vista Alegre, con 1-4, un encontro que recibiu o descanso con táboas (1-1) e que viviu unha vibrante segunda parte, con méritos notables dos mariñáns para a remontada.
A pesar do aviso do Río Renovables xa no primeiro minuto, co oportuno despexe de Cesinha ante Carlos Anós, o Burela FS Pescados Rubén quixo apropiarse do balón e do perigo; Iago Míguez protagonizou o primeiro asedio, antes de cumprirse o minuto 2, desde lonxe cun dardo envenenado, raso e lixeiramente desviado. No 4 Juanma, só ante Molina, chegou un pouco tarde ó pase de Mimi e, no 6, con Christian volveu o nerviosismo á area navarra, desde saque de banda de Mimi. Foi entón cando o Ribera reactivou o seu ataque; volveu a avisar cunha rapidísima xogada de Andresito, no 8, sobre Edu, e materializou no 9, cun proxectil pola escuadra de Charlie (0-1). Con 5 faltas xa no ecuador da primeira parte, os burelistas seguiron buscando a meta contraria. Tras unha batería de tentativas locais, Matamoros firmou o empate a 45 segundos para o final, de dobre penalti, despois dunha falta de Rubi sobre Isi.
Os laranxas regresaron convencidos de ir a polo partido; así no primeiro minuto puxeron en apuros a Molina nun par de ocasións. Pero foron os de Tudela os primeiros en perforar a meta contraria; no 23, Andresito batía a Edu tras pase de Charlie. Co 1-2, as oportunas saídas do gardameta naronés frearon as embestidas rivais. Os de Juanlu non desistiron na remontada, incrementando a súa intensidade en ataque. As oportunidades de Cesinha no 25, que a punto estivo de colocarse só ante Molina nun pase larga, e Juanma, no 28, de disparo exterior, foron un tímido aviso do verdadeiro asedio laranxa sobre a portería de Molina. En torno ó minuto 30, Iago Míguez dispuxo de dúas magníficas oportunidades, primeiro en galpada á contra e despois ó recoller un rechace de Molina ante Matamorors que finalmente salvou Lolo. Iago e Mata volveron a gozar sendas ocasións no 31. No 33, o pichichi laranxa estrelou un mísil contra o pau, tralo acecho de Juanma que repeleu Molina. Dous minutos máis tarde, Vista Alegre a punto estivo de enfurecer cantando o gol de Isi, un gol que nunca sobrepasou a liña de meta grazas a outra aparición de Lolo. Cando máis méritos estaba facendo o Burela Fs Pescados Rubén chegou o 1-3, ó executar Nano un penalti, trala amoestación de Edu sobre David (minuto 36). Os locais reaccionaron con xogo de cinco, encabezado por Mimi; Juanma, ós poucos segundos, e Mata, no 38, tiveron nas súas zapatillas o maior perigo. O 1-4 definitivo subiu ó electrónico, a 41 segundos para o final, a porta baleira, de Rubi.
Ficha técnica
Burela FS Pescados Rubén: Edu, Mimi, Iago Míguez, Isi e Cesinha, cinco inicial; tamén xogaron Juanma, Matamoros, Christian, Hugo, Enrique.
Ríos Renovables Ribera Navarra FS: Molina, Charlie, Rubi, Lolo e Palmas, cinco inicial; tamén xogaron Carlos Anós, Andresito, Jonathan, Nano, David.
Goles: 0-1, Charlie, minuto 9; 1-1, Matamoros (d.p.), minuto 19; 1-2, Andresito, minuto 23; 1-3, Nano, minuto 36 (penalti); 1-4, Rubi, minuto 39.
Árbitros: Gallo Suárez y Velasco Martínez (colegio de Asturias)
Tarxetas: Por Ribera, amarela a Palmas (minuto 11), Nano (minuto 34); por Burela FS amarela a Enrique (minuto 10), Mimi (minuto 25), Matamoros (34), Edu (36).
Incidencias: Partido correspondente á 22ª xornada de Primeira División LNFS, en Vista Alegre. En torno a 1.100 espectadores.