Marco López: “Non me parece ético cobrar dietas por acudir a unha manifestación, aínda que sexa legal”
O grupo municipal nacionalista en Xove vén de presentar un rogo para o vindeiro pleno no que lle pide formalmente á alcaldía que, nun futuro, «ou ben se apoien de forma institucional as reivindicacións sociais coa presenza dos membros do goberno municipal, ou ben se cobren dietas por reunión, pero que non se volva producir unha situación de abuso das funcións públicas e se aproveite para vender un acto solidario mentres a caixa común soporta a factura polos servizos prestados».
A continuación transcríbese de xeito literal a exposición de feitos que o BNG inclúe no rogo formal que presentou para o seu tratamento no pleno convocado para o vindeiro luns 8 de abril ás 19h00: «O día 27 de setembro do 2012 tivo lugar na capital do noso país, en Santiago de Compostela, unha manifestación convocada polo comité de empresa de Alcoa San Cibrao baixo o lema “polo futuro de Alcoa”. A esta convocatoria acudiron, como na meirande parte destas ocasións, moitos persoeiros da política co obxectivo de amosar o seu apoio á reivindicación dunha tarifa eléctrica competitiva para a multinacional do aluminio.
Na manifestación do 27 de setembro tamén estivo representado o Concello de Xove a nivel institucional. Acudiu o alcalde-presidente da corporación da que todos nós, os concelleiros, formamos parte. Uns edís (poucos) que lle dedicamos tempo ao Concello na medida en que as nosas ocupacións profesionais nos deixan e aos que a nosa vocación de servizo público incluso nos costa cartos do peto. Aínda así, a pesar do noso traballo desinteresado pola sociedade, tampouco pedimos recoñecemento ningún. Pero si respecto. Un respecto que non vimos na manifestación de Santiago de Compostela porque o alcalde de todos os xovenses manifestoulle reiteradamente á prensa, a carón do alcalde de Cervo, que el acudía “en apoio ás reivindicacións dos traballadores e traballadoras de Alcoa”. Pero, así e todo, cobrou dietas. Foi á manifestación de Alcoa e pasou unha dieta de 92,41 euros que cobrou relixiosamente en nómina. Iso non está ben.
Desde o Grupo Municipal Nacionalista entendemos que o respecto, tanto polos que non temos un salario político como polos empregados e empregadas de Alcoa, non se cumpriu polo incoherente papel que a alcaldía desenvolveu ao asegurar que asistía en solidariedade coa reivindicación do comité de empresa e, en troques, proceder ao cobro das dietas. A de Santiago foi unha manifestación á que asistiron moitos traballadores e traballadoras de Alcoa que empataron a quenda de noite coa viaxe. Unha viaxe desde A Mariña para a que se contrataron autobuses. Unha viaxe que tamén fixeron moitas persoas (incluídos os políticos) en vehículo particular. Unha viaxe para a que se podía compartir coche se alguén non quería ir no transporte público.
Nos tempos de hoxe a cidadanía vive unha profunda desafección provocada por unha minoría de políticos profesionais. E os concelleiros non-profesionais (ademais dos políticos bos e xenerosos) sufrimos unha crise de valores ao estarmos poñendo o noso traballo, diñeiro e coñecementos ao dispor dunha veciñanza que, o único que alcanza a facer, é unha crítica xeral a todo o que teña que ver coas institucións, das que eles como votantes son fiel reflexo. Toda unha sociedade perdida no individualismo e que non alcanza a ver que os nosos gobernantes non son máis ca un retrato da nula honestidade e solidariedade que a propia cidadanía proxecta na clase política.»