Burela, 15 de abril de 2013. O equipo de goberno burelés acusou hoxe ó BNG de mentir sobre a desaparición da liga local de fútbol-sala, xa que, segundo a concelleira de Deportes, Beatriz Piñeiro, “este goberno non ten recibido ningunha petición de axuda para organizar esta liga na presente temporada”.
Segundo a edil popular “na temporada 2011-2012 había só cinco equipos de inicio e logo conseguiron xuntar dous máis para un total de sete. A organización non estaba a cargo do Concello, senón de persoas particulares, que cobraban unhas cotas de inscrición e o Concello cedía as instalacións, co que non se pode dicir que o Concello non colaborase”.
Para a responsable de Deportes do goberno burelés, “resulta sorprendente o manifestado polo BNG, xa que demostran un descoñecemento absoluto da realidade desta liga local. O Concello, nin na época do bipartito, nunca organizou esta competición de afeccionados, polo que non entendemos que agora se digan cousas como as que din os nacionalistas. O peor é que eles mesmos na súa nota de prensa recoñecen que a organización da competición era completamente privada. Se querían que alguén lles dera axudas a estes clubs, podían dárllela desde BNG da Deputación”.
Finalmente, Beatriz Piñeiro, ademais de lembrar que foi o bipartito quen deixou sen subvencións ós colectivos culturais de Burela, manifestou que “as críticas do BNG neste asunto só se sustentan na necesidade imperiosa que teñen por estar na prensa e facerse ver, aínda que mellor lles sería resolver as súas pelexas internas para ver de ser capaces de ofrecer algo crible á cidadanía”.