O texto foi asinado por primeira vez en 2010 polos outros tres grupos parlamentarios e a Coordinadora Galega de ONGD co obxectivo de impulsar unha política pública de cooperación de calidade
Santiago de Compostela, 23 de maio de 2010. Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), a terceira forza política do Parlamento, asinou hoxe o Pacto Galego contra a Pobreza, un texto impulsado pola Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Coa sinatura do Pacto, AGE asume compromisos políticos na loita contra a pobreza e a xustiza social e comprométese a impulsar unha política pública de cooperación de calidade. O Pacto foi asinado por Xosé Manuel Beiras, voceiro de AGE; por Yolanda Díaz, vicevoceira de AGE; e pola actual presidenta da Coordinadora, Gema Filgueira.
O Pacto Galego contra a Pobreza foi asinado por primeira vez o 16 de outubro de 2010 polos voceiros parlamentarios dos tres partidos políticos con representación no Parlamento de Galicia nese momento: Carlos Aymerich Cano (BNG), Manuel Ruiz Rivas (PPdG) e Xaquín Fernández Leiceaga (PSdG), ademais de polo presidente da Coordinadora Galega de ONGD, Xosé María Torres. O texto do Pacto foi redactado e consensuado durante un período de dous anos entre as ONGD e os grupos parlamentarios e recolle compromisos políticos concretos en relación á cooperación internacional ao desenvolvemento, a loita contra as igualdades e pola xustiza social.
Un dos acordos máis representativos do Pacto é o compromiso de asignar, en 2017, 0,7% dos orzamentos de Galicia a axuda oficial ao desenvolvemento. Actualmente, o goberno galego dedícalle o 0,05 %, menos do 10% comprometido no Pacto.
Coa escusa da crise, nos últimos tres anos téñense producido gravísimos recortes en materia de cooperación ao desenvolvemento. Entre 2009 e 2013, o orzamento da Xunta de Galicia destinado a cooperación reduciuse ata un 64%, o maior recorte dunha política social da historia de Galicia. Uns recortes que deixan en evidencia que o partido que goberna incumpre de forma sistemática os acordos asumidos na loita contra a pobreza e a favor da xustiza social. Unha realidade, que está a dinamitar o traballo que as organizacións da sociedade civil galega apoian dende hai máis de vinte anos nos países do Sur para que milleiros de persoas poidan vivir en condicións dignas.
Na sinatura do Pacto, Beiras destacou a importancia de “recoñecer o papel das ONGD” na loita contra a pobreza e sinalou que “co pretexto de que non hai cartos” estanse a recortas os orzamentos destinados as políticas sociais tanto en Galicia como no resto do Estado. Pola súa banda, a presidenta da Coordinadora, Gema Filgueira, fixo un chamamento a AGE “en nome das e organizacións sociais coas que as ONGD traballan en América Latina, África e Asia; así como no das persoas voluntarias, socias e contratadas que colaboran no traballo diario das organizacións galegas” para que sexan responsables no cumprimento do Pacto Galego contra a Pobreza.
Por último, Alejandro Quiñoá, membro da Comisión de Incidencia Política da Coordinadora Galega de ONG, asegurou que “dende a Coordinadora partimos da idea de que a solidariedade con outros pobos da terra non pode ser concibida como a esmola que se concede en tempos de bonanza e que se quita en tempos de crise: nós falamos de xustiza social, de defensa dos dereitos das persoas, de igualdade de oportunidades”. Engadiu, ademais, que as ONGD están “seriamente preocupadas cos discurso maniqueos e demagóxicos que profesan determinados responsables políticos “cando falan de recortar os orzamentos dedicados a cooperación ao desenvolvemento dicindo que “se non hai recursos para os cidadanía galega entón menos hai para as persoas de fóra”.