O secretario xeral lucense cre que é unha decisión “de puro sentido común” despois de que o alcalde presentase unha moción de confianza que non prosperou.
O secretario xeral do PSdeG en Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, referiuse esta mañá ao acordo de goberno e a moción de censura contra o PP presentada onte no Valadouro, que lle daría a alcaldía aos socialistas no pleno do vindeiro 4 de xuño, como un acordo “positivo, democrático, lexítimo e xusto” e unha decisión “de puro sentido común” despois de que o alcalde popular “presentase unha moción de confianza que non prosperou”.
“O que corresponde nestes casos é ver se os que teñen a maioría, neste caso absoluta, do pleno do Valadouro, son capaces de conformar unha opción de goberno, e neste caso creo que se impón a democracia e sobre todo un proxecto de futuro para o concello”, afirmou Gómez Besteiro, que amosou así o seu apoio a Edmundo Maseda, proposto no acordo entre PSdeG, Udival e BNG como alcalde, e aos compañeiros e compañeiras do grupo socialista da localidade da Mariña.