A Asociación Veciñal e Cultural “Irmandade San Caetano” de Celeiro de Mariñaos, organiza para o vindeiro sábado 25 de maio a Festa das Letras, tal como se vén facendo nesta parroquia barreirense na última década. Os actos terán lugar nas escolas a partir das 7 da tarde, que será cando se realicen as actividades dirixidas ao público infantil, consistentes en xogos populares e de animación así como outras actividades relacionadas coa cultura e coa lingua galegas. Todos os participantes recibirán os correspondentes agasallos. Ás nove e media da noite terá lugar a representación de “Véndese unha mula e A Pousada”, a cargo do grupo de teatro Axóuxeres de Vilaronte.
