Foz, 22 de maio de 2013.- O BNG de Foz, a través do seu portavoz municipal Xan Carlos González Basanta, rexistrou unha moción para aprobar polo pleno en apoio ao conveciño Diego Martínez Santos, o físico nado en Foz que foi excluído do Programa Ramón y Cajal a pesar de estar premiado recentemente pola Sociedade Europea de Física coma o mellor investigador mozo de toda Europa.
O BNG xa se interesou por este caso o pasado 16 de maio cando rexistrou unha batería de preguntas no Congreso dos Deputados para saber por que motivo o Goberno Español recortou tanto as prazas do Programa Ramón y Cajal e demandarlle que rectifique esta política de recortes e aumente ditas prazas, así como as bolsas e os programas destinados a investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+I) porque isto significaría que se aposta polo futuro.
Basanta é contundente neste aspecto: “un país que non apoia a innovación tecnolóxica e científica está condenado ao atraso económico, social e cultural. O avance científico, ao longo da historia, representou e representa o progreso dos pobos”.
Os mozos e mozas galegos á emigrar e o goberno sen facer nada
Desde o BNG estamos moi preocupados porque son moitos e moitas os mozos e mozas investigadores e científicos de grande valía, algúns deles galegos e galegas, que se ven obrigados a emigrar ata o punto de que o Estado español se está a converter nun claro exemplo de fuga de talentos. Cada vez son máis os que se van a outros países avanzados -e non tan avanzados- onde atopan as oportunidades que aquí se lles negan.
Desde o punto de vista do BNG, estes feitos supoñen a ruína para unha sociedade que despois de facer un grande esforzo inversor na formación de persoas con talento, estes sexan captados por outros países como Alemaña, Franza, EE.UU, Suíza ou Holanda que son os países que realmente avanzan co coñecemento que aportan e rendabilizan económica e socialmente o seu labor científico.
Por todos estes, motivos son dous os puntos de acordo que solicitan na moción á Corporación Municipal: o primeiro, manifestar o apoio ao xove científico e en segundo lugar, solicitarlle ao Goberno que rectifique as súas políticas de recortes e amplíe as becas Ramón y Cajal para que Diego Martínez poida volver de Xenebra e traballar no noso país. Basanta espera a unanimidade no acordo e opina que “desde o BNG e desde o Concello é o mínimo que podemos facer, manifestarlle ao rapaz e á familia todo o noso apoio e pedir unha rectificación do Goberno para que poida retornar e desenvolver o seu extraordinario traballo no noso país. Ademais porque é o que el quere”.