CERVO, 10 DE MAIO. Os membros do Grupo Municipal Socialista de Cervo non dan crédito ante a actitude mostrada polo equipo de goberno, “é asombroso ata qué punto poden chegar os feitos antidemocráticos do PP, se hai uns días nos trataban de dicir qué espazos públicos podíamos usar ou non, agora pretenden facer sentencia de quen, cando e onde se pode un manifestar”.
Os socialistas pregúntanse se “por ser unha persoa parella dun concelleiro perde o dereito a manifestarse. ¿Qué relevancia ten este dato? Esta persoa é membro da plataforma en defensa da sanidade pública, representante dun colectivo veciñal que apoia esta iniciativa e ten todo o seu dereito a facer uso da liberdade de expresión da que gozamos manifestándose con respecto nun acto público como é un pleno municipal”.
Dubidan ata qué punto pretende chegar o Partido Popular, “é que non teñen parada. Só faltaría que por estar casado cun concelleiro, un perdese os seus dereitos. Este argumento parécenos inaudito e totalmente irrisorio. Esperemos que esta maneira de actuar non vaia a máis, pois sería unha verdadeira pena que chegásemos a estes extremos”.
A favor do copago de comedores
Antes de ser suspendido o pleno, a corporación municipal debateu a moción presentada polo GMS co fin de facer efectivo o rexeitamento ó repago dos comedores escolares no vindeiro curso, “por suposto, os membros do PP votaron en contra, o que suporá que moitas familias vexan mermada a súa situación económica e se dea un paso máis para unha ampla diferenciación das clases sociais”.
Os socialistas aseguran que “ningún edil popular quixo responder ós nosos argumentos. A falta de resposta non se entende se non por dúas causas, ou pola desidia e pouca importancia que lle dan ó asunto ou porque primaron os intereses partidistas por riba da situación familiar dos veciños”.
Cualifican de “absurdos” os criterios do Partido Popular xa que “non se entende que pretendan aforrar a costa dos colexios públicos e non mermen nin un ápice os cartos destinados ós colexios concertados e colexios que segregan ós nenos por xénero. Para estes, dende o 2009 lévanse destinado nada máis e nada menos cuns 12 millóns de euros. Estas son as ideas do PP”.
Dende o GMS lembran que “cos datos da Secretaría Xeral da Consellería de Educación, o ano que vén o 43% das familias terán que pagar parte da comida dos seus fillos e tendo que asumir a totalidade suporá un gasto mensual duns 100 euros por neno. A parte do esforzo económico, será unha maneira máis de diferenciación entre os nenos, xa que uns comerán quente e outros terán que levar os tuppers. É unha vergonza que a Constitución recolla o dereito á educación gratuita e universal, e os actuais gobernantes traten de menguar este dereito día a día”.