Lamenta que o traballo de miles de familias na terra e no mar lle pareza un atraso: “Dá tristeza ver un presidente que non ve o potencial de Galiza”
Santiago de Compostela, 25 febreiro 2026. A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que peche “o seu fracaso político” con “algo de dignidade” e entregue no Parlamento o seu acordo secreto co Altri.
Pontón puxo en valor na sesión de control a “gran vitoria” do pobo galego que, co BNG ao lado dicindo durante dous anos con toda claridade ‘Altri, non, Galiza si’, conseguiu parar esta bomba ambiental, “defendendo a dignidade e o sentido común que lle faltan” ao Goberno do PP.
“E ese pobo digno e combativo plantoulle cara ao seu goberno, ás súas mentiras e á indignidade dun presidente convertido en comercial de Altri”, criticou para mostrar a continuación o seu “tremendo orgullo” ante o gran triunfo da cidadanía que “é tamén unha rotunda derrota política” do Executivo de Rueda.
A líder nacionalista incidiu en que o da macrocelulosa portuguesa “non era un proxecto máis”, senón que o PP o converteu “no seu modelo e no seu proxecto estrela”, cando era un “proxecto contaminante do século pasado” que demostra até que punto os populares non teñen “ningún proxecto de futuro” para Galiza.
Responsabilidade política por apostar todo a unha carta perdedora
“Alguén terá que asumir a responsabilidade por, primeiro Feijóo e despois vostede, apostar todo a unha carta perdedora”, advertiu a un Rueda ao que lle recriminou que “se na vez de facer de comercial de Altri, fixera de comercial da xente do mar e do rural”, non se tería chegado até aquí.
“Até o rotundo fracaso dun presidente incapaz de escoitar o que lle di o seu propio pobo e que só ofrece o franquismo industrial das macrocelulosas”, incidiu para criticar “a política industrial fracasada”, criticou ao titular da Xunta, a quen tamén lle afeou a súa continua “propaganda”.
Un exercicio propagandístico que exemplificou na Sociedade Impulsa que o Executivo presentou como unha “xoia que ía promover proxectos innovadores con capacidade transformadora e rendibles”, pero cuxo resultado foi “cero”, “nada de nada”, sintetizou.
O único que queda, recalcou, é “un vergoñento acordo secreto asinado con Altri en outubro de 2021”, un pacto que Rueda mantén “oculto baixo sete chaves” e polo que o BNG tivo que recorrer ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza para poder acceder a esa documentación.
Logo de cuestionarlle que é o que ten que esconderlle aos galegos e ás galegas nese acordo secreto con Altri, Pontón advertiu ao presidente da Xunta que o Bloque vai lograr que a sociedade galega coñeza o contido dese pacto.
“Teña por seguro que imos poñer luz onde vostede quere poñer escuridade e igual que a cidadanía logrou parar esa bomba ambiental, imos coñecer que oculta nese acordo secreto”, advertiulle.
A falta de respecto de Rueda
A portavoz nacional criticou a Rueda a súa maior “dose de soberbia da habitual” na súa resposta evidenciando o seu malestar porque “efectivamente é o pobo quen máis ordena” ao conseguir parar unha bomba ambiental e derrotar “a un goberno e a un presidente que non é capaz de escoitalo”.
Unha resposta que tamén considerou “unha falta de respecto a unha cidadanía que traballou para defender o seu futuro”, dado que a mensaxe trasladada polo presidente é a mesma que vén repetindo o seu goberno estes días, que Lugo vai converterse nunha especie de “lonxano Oeste” e que o vai quedar “é atraso”.
“Atraso son as 19.000 familias que viven do mar? Atraso son as 4.000 familias que viven na Ulloa, que é unha das máis produtivas deste País? Atraso son as pemes que están facendo traballo desde as queixerías até a produción de produtos de cosmética e ecolóxicos? Iso é atraso?”, cuestionou.
Pontón constatou así como ve Rueda ao seu propio País e o triste retrato do seu goberno, lamentando que o traballo de miles de familias no rural e no mar lle pareza un atraso. “Como podemos ter, é que dá tristeza, a un presidente que non é capaz de ver o potencial que hai en Galiza?”, criticou.
Unha actitude, incidiu, que evidencia, por unha banda, o seu enfado porque o pobo galego, “que é o que se ten que colgar a medalla de parar Altri”, lle “derrotou o proxecto de macrocelulosa” e, por outra, a súa incapacidade para ofrecer alternativas de futuro sustentables.
“O que nos veñen a dicir é que como non conseguiron impoñer a macrocelulosa, agora vai haber fame e atraso, pero que política industrial, que visión ten vostede do País?”, reprobou ao titular da Xunta, ao que recriminou que “o único que quería era poñerlle unha alfombra vermella a unha empresa do século XX, cando estamos en pleno século XXI”.
As mentiras do PP
Neste sentido, a líder nacionalista acusou a Rueda de estar instalado na mentira porque “sobre Altri, de cada dúas palabras que di, tres son mentira”, afirmou para recordar a continuación que, primeiro, o Goberno do PP enganou a todos e todas ao dicir que o proxecto era una biofábrica cando logo se soubo que se trataba dunha macrolelulosa.
Tanto é así que “se coidaron moi moito de non publicar o proxecto até que pasaron as eleccións; era tan bo que o tiveron escondido e non se coñeceu até que o publicaron”, evidenciou.
Pontón recordou tamén as sucesivas mentiras do Executivo do PP sobre o seu acordo secreto con Altri, primeiro dicindo que non existían “a pesar de que o asinara o vicepresidente do seu goberno” e despois, afirmando que a Xunta non coñecía esa documentación porque formaba parte dunha empresa privada na que a propia Xunta ten o 40% e na que estaba o seu vicepresidente.
“Dixéronnos que non nola podían enviar porque non coñecen esa documentación, pero vostede esta mesma semana dixo que coñece eses acordos”, cuestionou a Rueda, ao que volveu emprazar a facer público o contido do seu pacto coa empresa portuguesa.
“Señor Rueda, está claro que quen nada teme, nada oculta: por que non envía esa documentación ao Parlamento? Que lle está ocultando aos galegos e ás galegas”, concluíu.




























Estará dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, xa que neste 2026 cúmprese o centenario do nacemento de quen fora presidente do Goberno. No acto interviñeron o presidente do RCNR, Pablo Fernández, o director territorial de Deportes da Xunta, Manuel Otero, un dos fillos do tamén alcalde honorario de Ribadeo Víctor Calvo-Sotelo, e o rexedor ribadense, Dani Vega. Todos exaltaron a práctica deportiva na ría, a labor desenvolvida polo Real Club Náutico e a vinculación de Leopoldo Calvo-Sotelo co estuario. Entre o público asistente estaban máis membros da familia Calvo-Sotelo, directivos e ex directivos do RCNR, edís de Ribadeo e representantes de Acisa.
A iniciativa busca poñer en valor a diversidade cultural do municipio a través da gastronomía, convidando ás persoas de diferentes países a elaborar pratos típicos que se ofrecerán de forma gratuíta ao público. O Concello asumirá o custo dos ingredientes e asignará a cada participante un posto identificado co seu país de orixe. As inscricións poden realizarse ata o 29 de xullo enviando un correo a feiras@vilalba.es. Rouco chamou á participación para seguir construíndo unha Vilalba aberta e integradora, nunha feira que quere consolidarse como espazo de convivencia e dinamización da feira tradicional.
Ata o 4 de agosto poderán realizarse as renovacións, mantendo as tarifas aprobadas en asemblea: 200 € e 250 € para adultos, e acceso gratuíto para menores grazas ao convenio coa Fundación Imdecum, con opción voluntaria de abono infantil por 40 € con reserva de asento. A partir do 5 de agosto activaranse as novas altas. Os abonos poderán tramitarse a través de CLUBER ou presencialmente na oficina do club, con horario de mañá e tarde en xullo e só de mañá en agosto.
A Presidenta Carmela López destacou o valor deste produto emblemático da Mariña e o traballo do sector pesqueiro. Rocío Rivera e Herminia Pernas puxeron en valor a tradición mariñeira de Burela e o papel dos mariñeiros da Moncloa. O público degustou 450 tapas elaboradas con bonito nunha xornada que serviu de escaparate desta cita gastronómica e de convite a visitar Burela a próxima fin de semana.
As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.



