O Seminario Galego de Educación para a Paz, diante do novo anuncio do Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázqued Abad, en relación coa prevención do Acoso Escolar e do Ciberacoso, presentado onte en Roda de Prensa, quere manifestar o seguinte:
1º.- A prevención e mellora da convivencia escolar, as medidas e protocolos para atallar o acoso e o ciberacoso, non poden facerse de maneira unilateral, á marxe da comunidade educativa e das súas organizacións representativas, pero -sobre todo- sen reunir o Observatorio Galego da Convivencia Escolar creado, nada menos que en 2007 (Decreto 85/2007), reiteradamente ninguneado pola Consellería nesta lexislatura e na anterior.
2º.- A Lei de Convivencia e Participación de 2011 foi fortemente rexeitada pola comunidade educativa e polos órganos de participación da mesma, particularmente polo Consello Escolar de Galicia, así como polo conxunto da sociedade civil, entre outras razóns, porque se utilizou, non para mellorar a convivencia e a participación como afirma o seu título, senón como un ariete contra do idioma propio de Galicia, coa famosa consulta ós pais sobre o noso idioma, a pesares dos recursos e das sentencias xudiciais reiteradas en contra de tal pretensión.
3º.- A Consellería de Educación, desde a chegada de Jesús Vázquez Abad a San Caetano, caracterizouse, en materia de convivencia escolar, por pasar olimpicamente de dialogar, escoitar ou negociar coa comunidade educativa e as súas organizacións, do vixente Observatorio da Convivencia ou do Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar, aprobado en 2007, logo dun amplo debate e que contou co apoio explícito e asinado de 70 entidades representativas da comunidade educativa, MRPs, organizacións de prevención, mediación, etc.
4º.- Logo da impresentable actuación da consellería e da inspección educativa no suposto episodio de acoso escolar nun centro concertado de Vigo, modelo paradigmático de como non se debe actuar diante da conflitividade escolar, pretende saír ó paso, cun titular de prensa e un anuncio, un máis, adiantando diante dos medios un protocolo de prevención, detección e tratamento elaborado á marxe da comunidade educativa e do Observatorio Galego da Convivencia Escolar, presentándose, ademais, como o campeón de España, nesa materia, evidenciando a súa tradicional forma de gobernar, vendendo fume, xogando ó despiste ou anunciando o descobremento do Mar Mediterráneo.
5º.- En medio das desastrosas consecuencias dunhas políticas educativas caracterizadas polos recortes drásticos, especialmente na educación pública, polo saqueo ás carteiras dos funcionarios docentes, o desmantelamento de servizos fundamentais como son, por exemplo, a estrutura de formación do profesorado en servizo, ou os de orientación, diversidade, así como polo aumento de ratios, diminución de profesorado, etc. ou pola falla de respaldo e apoio a exitosas experiencias de mediación e tratamento de conflitos en Galicia… o anuncio de onte, en materia de acoso e ciberacoso, non deixa de ser un mero exercicio de propaganda e de actuación unilateral á que tan habituados nos ten a consellería de educación.