Lugo, 31 de maio de 2013. Esta mañá, o delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, na rolda de prensa trala Xunta de Goberno da institución, fixo un balance do éxito a nivel de número de visitantes que acadaron os catro centros que conforman a Rede Museística Provincial “que, só no mes de maio, recibiron preto de 3000 visitantes máis respecto a ese mesmo mes no 2012”.
Segundo informou Mario Outeiro, “o Museo Provincial de Lugo, foi o que incrementou de forma máis notoria o número de persoas estes primeiros cinco meses do 2013, chegando a 19.113 visitantes; seguido do Museo San Paio de Narla, de Friol, que alcanzou os 5.593; o Museo do Mar de San Cibrao, con 4.880, e o Pazo de Tor, con 1.844”. Neste senso o delegado destacou “o incremento de visitas en grupo con alta presenza de persoas de outros estados, o que amosa que o turismo cultural vai gañando peso na provincia”.
A oferta variada que ofrece calquera dos catro museos provinciais dirixida a persoas de distintos tramos de idade, dende os máis pequenos aos máis maiores, é unha das claves do éxito da Rede Museística Provincial, así como o feito de ofrecer horario continuado, abrindo ao público dende as nove da mañá ata as nove da noite, ininterrompidamente, e prestando os seus servizos de luns a domingo, días festivos incluídos.
Bo exemplo dese éxito é a exposición “Ben-Cho-Shey: 50 anos de maxisterio cultural (1918-1968)”, que permaneceu aberta ao público no Museo de Lugo dende o 14 de febreiro ata o pasado 20 de maio, e que recibiu un total de o 14.503 visitantes. Paralelamente, publicouse un blogue dedicado a esta mostra, que está a rexistrar unha media de 37 visitas diarias, o que o converteu en poucos meses nun dos vinte blogues máis visitados de toda Galiza.
“Dende a Vicepresidencia da Deputación de Lugo cremos na cultura e apostamos por ela, tanto dende os museos como a través do apoio ao tecido asociativo cultural. Non podemos permitir que algo de tanto valor se converta nunha vítima da austeridade e dos recortes, como pretenden facer dende a Xunta de Galiza, que da as costas ao asociacionismo cultural negando calquera tipo aportación económica a este eido”, sentenciou Mario Outeiro.
Rutas Fluviais
O delegado de Cultura tamén anunciou a aprobación da encomenda de xestión a SUPLUSA, por razóns de axilidade e eficacia, para a xestión do persoal e o mantemento dos embarcadoiros e embarcacións das Rutas Fluviais que esta Deputación organiza nos encoros desta provincia e o seu ámbito, con especial atención á protección do medio, entre o 1 de xuño e o 31 de decembro por un importe de 302.190 euros.
Neste senso, Outeiro explicou que “esta medida é unha aposta por aumentar o gasto turístico, xerando unha maior afluencia de turistas na Ribeira Sacra, o que se traduce nunha aposta polo emprego, tanto de forma directa, coa contratación do persoal que dirixirá as rutas en catamarán, como cos empregos indirectos no sector hostaleiro, que se verá beneficiado con esta chamada de visitantes que produce a oferta de rutas en catamarán”.
As Rutas Fluviais comezarán a funcionar co horario de verán a partir de mañá sábado, 1 de xuño, que se prolongará ata o vindeiro 30 de setembro. Deste xeito, a ruta de Belesar, no río Miño, e a de Doade, no río Sil, terán saídas diarias ás 11:30, 17:00 e 19:00 horas; mentres que a ruta de Os Robles, no Miño, contará con saídas diarias ás 11:30, 12:30, 17:00, 18:00 e 19:00 horas.