San Cibrao, xuño de 2013.- A asociación de veciños Cruz da Venta de San Cibrao ultima co departamento Estatal de Costas e outras administracións un ambicioso proxecto para a recuperación patrimonial da cetárea de San Cibrao, toda vez que unha sentenza do Tribunal Supremo acordara a fin da concesión para a súa explotación empresarial e con iso, o cese definitivo da actividade nesta histórica cetárea.
O colectivo veciñal informa que a súa intención é impulsar, en colaboración coas administracións, unha serie de actuacións que consistirían na rehabilitación desta infraestructura, a súa posta en valor tanto dende o punto de vista patrimonial coma turístico e a protección do entorno –previamente restaurado- unha vez que se acometan as medidas oportunas para cumprir coa normativa ambiental e paisaxística.
A cetárea de San Cibrao ten un valor histórico relevante xa que data de principios do século XX e se sitúa nun entorno privilexiado flanqueado pola praia de Cubelas e o paseo marítimo de San Cibrao. A intervención implicaría retirar a pasarela, a eliminación de aqueles engadidos que non forman parte do edificio primixenio e a súa restauración na súa parte centenaria nun modo similar á que se acometeu en Rinlo. Estes apartados complementaránse coa mellora dos accesos e o acondicionamento do entorno.
O presidente da AAVV Cruz da Venta, José Luís Sariego, agradeceu a boa disposición e a vontade de colaboración expresada polo xefe territorial de Costas, José Miguel Estaban Dols, quen incluso valorou moi positivamente que se trata dun proxecto nacido da colaboración entre Xunta, Concello e a Asociación de Veciños. O departamento estatal de Costas non ve inconvenientes para aceptar a proposta e incluso asegura que hai moitas posibilidades de contar co apoio económico necesario para executalo.
Agora o colectivo veciñal intermediará entre as distintas administracións para impulsar os trámites oportunos para facer realidade o proxecto que pasa, pola firmeza definitiva do proceso xudicial, a autorización da Xunta e do Concello á rehabilitación proxectada e o desenvolvemento posterior do proxecto de posta en valor.
José Luís Sariego explicou que ademais da importancia que esta recuperación terá a nivel patrimonial, cultural e turístico, hai que destacar que esta cetárea serve de rompeolas natural e polo tanto protexe as vivendas situadas ó seu redor, polo que a súa conservación contribuiría tamén a garantir a seguridade dos veciños que viven nesa área e de quenes disfrutan do paseo marítimo, sobre todo, en momentos de temporal no mar.