Lugo, 12 de xuño de 2013. A programación estival da Rede Museística Provincial, que se vai desenvolver durante os meses de xullo e agosto nos catro centros da Rede: Museo de Lugo, Museo do Mar, San Paio de Narla e Pazo de Tor, foi presentada, esta mañá, polo delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, e pola xerente da Rede, Encarna Lago.
Durante a súa intervención, Mario Outeiro explicou que “desde a área de Cultura, e a través da Rede Museística e os catro museos que a integran, con este programa tentamos atender a crecente demanda social de actividades de tipo cultural, xa que entendemos a xestión dos museos públicos como un servizo permanente á sociedade que os sostén, como espazos de comunicación e coñecemento, e de intercambio de saberes e experiencias”.
“Proba desa crecente demanda, – continuou o delegado- é o último balance realizado pola Rede Museística, no que se reflicte un considerable incremento no número de visitantes, no último ano, superando as 31.000 visitas, nos primeiros cinco meses do 2013. Estes datos son o resultado do bo facer da institución, que plantexa iniciativas, de carácter gratuíto, que fidelizan ao plúblico, como é o caso do club de Pequeamigos, que fomentan a presenza e a participación dos máis pequenos en calquera dos catro museos”.
De forma permanente, durante os meses de xullo e agosto, desenvolverase, nos catro museos, o obradoiro Expres ARTE, a través do cal, cada día da semana responderá a unha temática direfente, deste xeito os martes serán xestuais, os mércores centraranse na plástica, os xoves na lingüística, os venres serán naturais e os sábados infantís.
Asemade, de forma puntual desenvolveranse diversos talleres, entre os que se atopa o Campamento de Arqueoloxía, que se ofrecerá nos catro centros e que permitirá aos rapaces de entre 8 e 12 anos coñecer cada etapa da historia a través dos obxectos, construcións e formas culturais propias de cada momento.
Neste sentido, Encarna Lago incidiu en que “as actividades que se desenvolven na Rede Museística van máis alá do aspecto lúdico, e pretenden dar a coñecer a nosa herdanza cultural aos máis pequenos, nun verdadeiro espazo de comunicación como son os museos”.
O Museo de Lugo completa a súa programación con actividades como “Pintando o mar. Aproximación á paisaxe e ás formas orgánicas do hábitat mariño a través do debuxo e a pintura”, taller que comparte co Museo do Mar; “Iniciación ao gravado ao linóleo”, “Abanos”, “Ouvería, vestimenta e útiles de época castrexa”, “Volumes, figuras e formas”, “Pola ruta da seda dacabalo dunha ovella”, que tamén se desenvolve en San Paio de Narla e no Pazo de Tor; e “Monicreques no Museo Provincial”.
A maiores, o Museo do Mar acolle “Os obradoiros de Cipriana, a balea concienzada”; San Paio de Narla desenvolve “O twister da historia en San Paio de Narla”, “Tastarabás: construiremos un xoguete tradicional” e un obradoiro sobre creatividade oral; e o Pazo de Tor organiza obradoiros de xogos tradicionais, de xadrez, de sentido e sensibilidade, de tecido e tinguido, e de abecedario braille, ao mesmo tempo que celebra o sétimo aniversario da súa inauguración.