Santiago, 26 de xuño de 2013.- En relación coa sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o Plan Sectorial de Barreiros, a Xunta de Galicia salienta que o fallo en ningún momento cuestiona a finalidade de interese xeral perseguida polas administracións públicas asinantes do convenio subscrito con data 20 de abril de 2010 entre Xunta, Deputación de Lugo e Concello para a execución das obras de urbanización, abastecemento e saneamento dos núcleos urbanos de San Cosme, San Pedro, San Miguel de Reinante e Reinante do Concello de Barreiros.
Tal e como lembra a propia sentenza, o obxectivo da Xunta de Galicia é solucionar un grave problema que incide de xeito negativo na economía da zona, ademais de proporcionar aos veciños uns servizos dos que carecen, actuando en beneficio do ben común.
O TSXG tan só rexeita o procedemento seguido para acadar a finalidade pública a través dun plan sectorial de incidencia supramunicipal. Neste sentido, tanto a Xunta como a Deputación de Lugo entenderon –e así o reflexa o convenio asinado- que a importancia dos proxectos previstos excede o ámbito do concello porque inflúe tamén na dinamización da comarca no seu conxunto. O alto tribunal galego, sen embargo, considera que é mais propia a tramitación a través da aprobación do plan xeral de ordenación municipal. Neste sentido, a Consellería de Medio Ambiente coordinará co concello a axilización da redacción do PXOM.
A Xunta respecta a decisión xudicial pero cabe salientar que non é firme. Neste sentido, a Consellería está a analizar o fallo do TSXG ao obxecto de presentar, no caso de que así se determine, recurso de casación ante o Tribunal Supremo.