Burela, 25 de xuño de 2013. O alcalde de Burela, José Mª González Barcia, asistiu en Santiago a unha xuntanza na Consellería do Medio Rural e do Mar para analizar a posible participación da Xunta e doutras institucións nunha feira similar a Expomar que se desenvolverá en Cabo Verde o vindeiro mes de outubro. A decisión definitiva coñecerase a vindeira semana. Será despois de que todos os posibles interesados analicen esta proposta. A Fundación Expomar estudará esta participación na xuntanza que manterá o seu padroado mañá.
O rexedor dixo que “á reunión convocada en Santiago por esta Consellería asistimos distintos representantes empresariais, institucionais e de autoridades portuarias para estudar a posible planificación dunha presenza de Galicia en Cabo Verde coincidindo coa celebración dunha feira similar a Expomar, en Cabo Verde a finais de outubro do presente ano”.
Segundo explicou o alcalde burelés “a intención que tiña a Consellería era coñecer de primeira man cales eran os intereses de, por exemplo, as agrupacións de empresas pesqueiras, das autoridades portuarias… E nós xa adiantamos que, evidentemente por descontado, o Concello de Burela está interesado en estar presente nesa posible presenza de Galicia en Cabo Verde e que a Fundación Expomar, na reunión que o seu padroado terá mañá pola tarde, vai decidir sobre esta cuestión”.
“Para nós é un asunto importante por unha dobre cuestión: en primeiro lugar, dende un punto de vista puramente institucional, é certo que en Burela residen máis de 500 persoas de orixe caboverdiana e é certo tamén que existe un irmandamento entre Burela e Cabo Verde; pero hai unha segunda cuestión que tampouco debemos obviar e é que agora mesmo hai presenza de empresas pesqueiras de aquí, de Burela, en Cabo Verde e nós, evidentemente con toda a humildade do mundo e como institución que está máis próxima aos intereses dos cidadáns, deberíamos interesarnos polas relacións comerciais que estas empresas levan a cabo en Cabo Verde e se cabe, sempre dentro da nosa humildade, intentar axudarlles”, indicou José María González Barcia.
O rexedor de Burela sinalou que “a Xunta de Galicia ten interese en estar presente en Cabo Verde, hai intención por parte da propia Xunta de actuar un pouco como paraugas de tódalas entidades que poidan estar interesadas e, a partires de aí, soamente queda que as distintas asociacións de empresarios, autoridades portuarias, etcétera que hoxe estaban aquí presentes tomen a decisión de participar ou non”.
E engadiu que “en principio para a próxima semana vaise tomar a decisión. Pola nosa parte estamos dispostos a participar nesa presenza institucional da Xunta de Galicia en Cabo Verde e estamos a expensas do que eles nos digan. Evidentemente se a Xunta nos pide colaboración vaina ter, por suposto, sempre dentro da humildade que o Concello de Burela ten, sempre tendo en conta os recursos económicos que temos, tanto desde o Concello como desde a Fundación Expomar. Pero entendemos que a aposta que se pode facer é importante. E de feito soamente quero recordar que os representantes caboverdianos que estiveron entrevistándose con nosoutros durante a celebración de Expomar están moi interesados en que as empresas españolas se asenten alí”. González Barcia manifestou que “Cabo Verde é un país que está en desenvolvemento, é un pais emerxente e que precisa de investimentos xa non soamente económicos, que tamén, senón en canto a xestión e a capacidade de recursos humanos para sacar adiante os seus proxectos. Creo que a aposta é interesante e agora soamente queda ver se isto tira para diante ou non. A miña impresión persoal é que o asunto está encamiñado, pero cada parte das que hoxe asistimos aquí a esa reunión terá que valorar se lle interesa estar presente ou non”.