A Asociación de Veciños de Cervo e Sargadelos invitou á Plataforma en Defensa da Sanidade Pública a unha xuntanza para abordar a problemática xurdida estes días no centro de saúde cervense que quedou sen o único médico dispoñible, sendo derivados os usuarios ao Centro de Saúde de San Cibrao xa que o Sergas non enviou a ninguén para substituír a ese facultativo. Veciñas e veciños mostraron a súa preocupación pola posible amortización desa praza de médico de familia que podería derivar no peche do centro médico, polo que deciden iniciar mobilizacións diarias diante do consultorio ás 12,00 h. esixindo a cobertura en tempo e forma axeitada desa praza sen que iso afecte á calidade asistencial nin do Consultorio de Cervo nin do Centro de Saúde de San Cibrao. Dende a Plataforma facemos un chamamento para que todas aquelas persoas que poidan, acudan a mostrar o seu apoio ás veciñas e veciños afectados por unhas políticas brutais de recortes en sanidade e un decreto de Xestión Integrada que afasta cada vez máis a sanidade dos cidadáns.
Ás 12, concentración no Centro de Saúde de Cervo