José Ramón Gómez Besteiro, aspirante á secretaría xeral do PSdeG, reuniuse hoxe coa militancia de Ourense para presentar o seu proxecto e destacou a importancia de rearmar e reforzar o partido “desde o municipalismo, porque os municipios son o vínculo político máis importante dos socialistas coa sociedade”, un punto “que diferencia radicalmente a forma de facer política do PSdeG coa do PP, que o que quere é desmantelar e vaciar os concellos de contido”, afirmou, en referencia á reforma da Administración local. “O PP sabe que a forza do socialismo está nas cidades e nos concellos, e aí empezaremos o noso cambio para Galicia”.
O socialista, que insistiu no importante camiño que debe percorrer o PSdeG co horizonte das eleccións locais de 2015, destacou ante a militancia o papel “dos representantes do partido nos municipios, que son os que están a dar a cara ante a cidadanía máis de preto” e por iso “non poden esperar máis por un partido forte e unido que os respalde cun proxecto de futuro, nin poderían soportar por máis tempo unha situación de interinidade”.
Para Gómez Besteiro a aposta polo municipalismo “é un modelo propiamente socialista, a diferenza do que pasa noutras formacións políticas, e a recuperación do partido pasa necesariamente por volver a potenciar os concellos, que son a primeira porta onde tocan os veciños”. Coñecedor da vida municipal pola súa propia traxectoria política, Besteiro sostén que “cando o PSOE se alonxou do municipalismo, nunca lle foi ben”.
Reforma da intermunicipalidade
Gómez Besteiro volveu ratificar a súa oposición á reforma local “porque só busca secuestrar a autonomía local, privatizar servizos e diminuír a calidade dos mesmos”. Ademais, en Ourense, quixo destacar que “as deputacións socialistas non teñen nada que ver coas do PP” e reseñou o valor da alcaldía nesta cidade “en contraposición a unha Diputación que non representa a Administración do século XXI e que ten formas herdadas”. Dito isto, afondou na súa idea de abrir a porta a outro modelo. “Estou totalmente a favor de reformar a intermunicipalidade para cooperar máis cos concellos, sobre todo cos de menos de 20.000 habitantes”, dixo, e insistiu en que “hai unha clara brecha entre unhas e outras formas de gobernar, e os socialistas temos que insistir en facer pedagoxía para que isto se saiba”.
Para esta posible reforma, Gómez Besteiro referiuse a modelos como os departments franceses, os kreise alemáns, as provincias finlandesas ou os provinces belgas. “As deputacións socialistas non estamos dispostas a ser os homes de negro do Estado, nin a suplantar os municipios nas súas competencias, senón a asistilos para que as poidan facer efectivas. E esta función na que, a través de economía de escala e traballo en rede, convertemos os problemas micro en solucións macro, pódese facer desde unha deputación ou desde novos modelos de xestión da intermunicipalidade aos que estou totalmente aberto”, afirmou.