Ribadeo (Lugo), 17 de xuño de 2013.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistiu esta mañá, na Praia das Catedrais, á saída de “Desafío Galicia 2013”, protagonizado por Óscar García; un amante dos deportes relacionados co mar, que percorrerá a costa galega en una táboa de Paddel SUP co obxectivo de recadar fondos para a Asociación Raiolas-Lugo, formada por pais e nais de persoas con autismo e outros trastornos xeneralizados do desenvolvemento (TGD).
En etapas de 35-40 quilómetros, Oscar García realizará este desafío en solitario e sen ningún tipo de apoio marítimo; e de acadar este obxectivo converterase na primeira persoa que rodeou Galicia navegando a remo sobre unha táboa de surf en solitario.
Nesta primeira etapa, Oscar García percorrerá preto de 35 quilómetros ata chegar a San Cibrao, pasando antes pola costa de Barreiros, Foz e Burela.
Desafío Galicia 2013 leva asociado un valor social como é a recadación de fondos para as actividades náuticas que realiza conxuntamente coa Asociación Raiolas. Actividades encamiñadas a mellorar a calidade de vida das persoas con autismo ou TGD e a acadar a plena integración familiar e social.
Amais de recadar fondos para esta fundación, Desafío Galicia 2013 dará a coñecer a beleza da costa de Galicia.