Os nacionalistas pedirán tamén información formal por escrito sobre o novo deterioro da rúa Apeadeiro, que se atopa levantada por cuarta vez, e interesaranse polas condicións dos profesionais que exercerán de socorristas nas praias do municipio.
O grupo nacionalista interrogará o goberno local no vindeiro debate plenario, previsto para a semana que vén, coa finalidade de coñecer a posición oficial do executivo respecto ao Anteproxecto da Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local aprobado recentemente polo Goberno do PP no Estado. Unha reforma que aborda unha fonda regulación do réxime municipal e pretende mudar de xeito substancial o papel dos concellos, cun maior impacto nos de menor tamaño, como o de Xove. Marco López destacou que “a intención prioritaria desta reforma do réxime local é reducir e adelgazar o ámbito de actuación dos concellos, cun recorte severo dos servizos que prestan e un reforzo da Deputación Provincial”; un organismo que, segundo López, “é o ente máis prescindible da rede institucional actual”.
O BNG tamén se interesará pola multinacional de capital galego, Pescanova, que está atravesando o que parece que é unha profunda crise. Desde a formación nacionalista, dado que esta empresa ten no noso concello unha das súas plantas de cría de rodaballo na que traballa moita xente do municipio e que ademais é unha das empresas que máis se leva beneficiado das axudas do Plan de Emprego Local baixo a denominación Insuíña S.L., queren saber se o actual goberno se ten posto en contacto cos administradores da empresa a nivel local ou galego e cal foi o resultado.
Por último, o portavoz do Bloque instará o goberno municipal a que comece a xestionar a futura substitución dunha das tres prazas de atención primaria a través das que se presta o servizo médico no Centro de Saúde de Xove, debido a que en breve prazo se vai producir unha xubilación. Marco López indicou que “a actividade política debe ir por diante dos hipotéticos problemas que pode sufrir a cidadanía” e advertiu que se a Administración Autonómica non destina de xeito inmediato outro/a profesional a esta vacante, isto implicaría que os outros dous médicos terían que cubrir toda a súa cota tras o reparto dos doentes. Por esta razón, López insistirá ante o pleno municipal na intención de “evitar as consecuencias negativas que se derivarían desta situación nun servizo de primeira necesidade como o sanitario”.