Despois de analizar os resultados da Conta Xeral do ano 2012, dende o BNG queremos facer unha análise sobre o apartado dos servizos sociais no noso concello. E a nosa conclusión é a seguinte: dende a chegada ao goberno municipal do PP, en Burela os servizos sociais sáennos máis caros. Pero non porque o PP invista máis cartos ca nós durante o anterior goberno (as cifras son moi similares), senón porque, agora, pola nula xestión que fai o PP neste ámbito, moitas das actividades e servizos que se ofrecen dende o Concello son pagadas por todos nós, e non coma antes que estaban subvencionadas por outras Administracións e que, polo tanto, non saían das arcas municipais, dos cartos que pagamos todos os veciños e veciñas de Burela.
En primeiro lugar, habería que falar do chamado Plan Concertado (que inclúe, entre outros, o Servizo de Axuda no Fogar de libre concorrencia e tamén a Unidade de Atención Temperá). Dende hai tres anos houbo un recorte brutal nas subvencións da Xunta de Galiza e do Goberno do Estado para estes servizos sociais a nivel local: máis dun 60% de recorte no Plan Concertado por parte da Xunta e a supresión total da aportación do Estado ao servizo de teleasistencia. E imos dar cifras: se no ano 2010 polo SAF de libre concorrencia e pola Unidade de Atención Temperá a Xunta de Galiza achegaba unha subvención de máis de 96.000 €, para o ano 2011 esta mesma subvención quedou en só 42.000 € (e no 2012 repetiuse a historia…)
Pois ben, agora, estes servizos teñen que pagalos máis caros as persoas usuarias e tamén todos os veciños e veciñas de Burela.
Pero non só aquí houbo recortes. Unha serie de programas e servizos que nós puxeramos en marcha no anterior mandato municipal contaban con financiamento subvencionado por outras Administracións e agora non. O equipo de goberno actual do PP é tan negado na súa xestión que non é capaz de conseguir vías de financiamento externo para levar a cabo certos programas sociais. E estoume referindo ao curso de preparación ao parto, á fisioterapia a domicilio e á ximnasia preventiva para maiores, ao programa “Xantar na Casa” e aos cursos de memoria e envellecemento saudable para maiores. Todas estas actividades contaban, antes da chegada do PP ao goberno municipal, con subvención para levalas a cabo (nalgúns casos do 100% do custo) e eran cartos que non tiñamos que poñer os veciños e veciñas de Burela. Agora non. Agora o PP é incapaz de xestionar estas subvencións externas e pagámolo todo nós (usuarios e veciños de Burela).
Durante o período 2007-2011, cando nós estabamos á fronte dos Servizos Sociais neste concello, puxemos en marcha o Programa de prevención do Alzheimer, o servizo de fisioterapia a domicilio e a ximnasia preventiva para maiores, o Programa “Xantar na Casa”, os obradoiros de coidados persoais para maiores, de memoria, de envellecemento saudable (así como o acondicionamento dun local social de reunión para estas persoas), tamén habilitamos un punto de encontro para a lactancia materna e melloramos o Servizo de Axuda no Fogar básico coa ampliación do nº de horas semanais e o nº de auxiliares dedicadas a isto, así como a ampliación ás fins de semana deste servizo. Sen esquecer a dotación de recursos materiais que fixemos ao programa “Preescolar na Casa”, un servizo que, despois de moitos anos de experiencia e bo labor profesional, fixo desaparecer a Xunta de Galiza do PP e que en Burela o goberno do PP substituíu por algo chamado “Aula Junior”.
E todos estes novos servizos que puxemos en marcha non supuxeron maior custo para o Concello porque soubemos buscar vías de financiamento fóra. Cousa que non pasa agora co PP no goberno municipal: non só non aumentan os servizos sociais (continúan cos que nós iniciamos) senón que nalgúns casos aínda recortan prestacións e estes servizos sociais son máis caros para todos nós porque o equipo de goberno do PP de Burela non é capaz de xestionar subvencións e témolo que pagar todo nós.
Agora, as actividades para maiores e o curso de preparación ao parto, por exemplo, cústannos máis de 5.000 € ao mes. Porque o equipo de goberno do PP non é capaz de xestionar vías de financiamento externas para que todo isto non o teñamos que pagar entre todos en Burela.
Por iso concluímos que, agora co PP, os servizos sociais nos saen máis caros. Porque todo o que se faga neste apartado dos servizos sociais nunca vai ser suficiente, hai que intentar chegar a máis persoas, ampliar máis servizos e que todo isto non supoña unha carga económica para os usuarios e poida ser subvencionado por outras Administracións para que non repercuta totalmente nas arcas municipais.