Burela, 26 de xuño de 2013. O alcalde de Burela, José Mª González Barcia, e a concelleira de Educación e Cultura, Mónica Pedre, ofrecéronlles este mediodía unha recepción aos tres nen@s que gañaron o concurso das Letras Galegas, convocado pola Biblioteca Provincial de Lugo. Son: Paula González Barcia, Iago Montero Gradaille e Irene Rico Gómez. González Barcia animounos a seguir participando en certames similares, porque iso suporá que contribúan a realzar o nome de Burela.
O rexedor asegurou que “nos últimos anos a canteira de potenciais escritores que temos en Burela está dando os seus froitos, porque están acadando premios nos certames que se organizan, por exemplo, desde a Biblioteca Provincial de Lugo”.
José Mª González Barcia sinalou que “este ano tamén Paula, Iago e Irene teñen acadado premios coas súas participacións, primeiro no concurso que se fixo aquí, en Burela, e despois xa na fase provincial. Por iso hoxe tivemos a honra de recibilos no Concello a concelleira de Cultura, Mónica Pedre, e eu mesmo para, por un lado, recoñecerlles esta dedicación á literatura; segundo, animalos a que continúen por esta liña, que é importante para que as persoas se formen como tales e usar a literatura como canle de comunicación; e terceiro, para recoñecerlles os premios e agradecerlles que leven o nome de Burela nos certames literarios nos que eles participan e nos que, como se ve, acadan premios”.
O alcalde burelés explicou que “esta liña de apoio á xuventude e á infancia para que participe en certames literarios vai ter continuidade desde o equipo de goberno por unha razón obvia: porque entendemos que o mundo da cultura debe estar presente sempre na actividade política baseado fundamentalmente no aspecto de facer partícipes precisamente a aquelas persoas que se están formando, que son a poboación infantil e xuvenil”. E engadiu que “igual que se organizan actividades durante outras épocas do ano tamén se vai seguir apostando por este certame que, como vemos, dá os seus resultados. Polo tanto hai que darlles a noraboa a Paula, a Iago e a Irene e animalos a que sigan participando porque estou completamente seguro de que se o fan vai continuar conseguindo premios e van darlle realce ao nome de Burela”.