Cervo, 14 de xuño de 2013-O Concello de Cervo ofreceu hoxe unha recepción oficial ao Club Deportivo San Ciprián despois de rematar a temporada deportiva como campións da Liga Provincial no Grupo Norte e da Copa Provincial xuvenís. Un evento ao que acudiu todo o equipo ao completo, entre xogadores, adestradores e directivos.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e o edil de Deportes, Luis Guillén aproveitaron este acto para felicitar a todos e cada un dos membros do equipo e do club “por ter pechado a temporada con dous títulos que os sitúan á cabeza do fútbol provincial e que demostran o esforzo de todas as persoas que puxeron algo de si mesmos para acadar estas vitorias” asegura Villares.
Ao mesmo tempo o rexedor tamén quixo animar ao San Ciprián xuvenil e ao club en xeral a seguir “dando estas alegrías á afección e demostrarnos que o traballo en equipo e a dedicación teñen os seus froitos”. O mandatario cervense tamén transmitiu os seus parabéns “por ter loitado con forza para tentar acadar o ascenso”, que finalmente non chegou, e recoñeceu o mérito de xogar dous partidos decisivos nunha mesma fin de semana, un para facerse co título de Copa e outro para buscar o ascenso.
O San Ciprián xuvenil xoga na actualidade na Primeira Autonómica Xuvenil Grupo Norte aínda que hai dúas temporadas conseguira ascender á Liga Galega. Un ano, o 2011, no que tamén fixera doblete, sendo campión de Liga e de Copa Provincial.