Burela, 14 de xuño de 2013. O equipo de goberno burelés, encabezado polo alcalde, José María González Barcia, compareceu hoxe ó completo para, como dixo o rexedor, “explicarlle ós cidadáns a verdade de todo isto que están sacando os socialistas, mostrar publicamente a documentación de referencia, reiterar a legalidade de toda a tramitación das mesmas, e poñer ó descuberto as miserias políticas e mesmo persoais do grupo socialista e do seu secretario xeral local”.
González Barcia foi moi claro: “as facturas das que falan os socialistas son completamente legais, tanto as facturas coma a súa tramitación. Por varias razóns. Non se supera a contía de contrato menor para subministracións, que é de 18.000 euros máis IVE. Que non se enrollen en que si unha contía ou outra, a lei é moi clara e deberían coñecela, porque se non a coñecen teñen que irse para as súas casas: 18.000 euros máis IVE; dito de outro xeito, 21.240 euros incluído IVE”.
O rexedor seguiu a explicar que “no caso que nos ocupa, os vales para solicitar o subministro asínaos o Sr. Fernández Valle, que xunto co Sr. Casas Martínez son os responsables de controlar as comprar que se levan a cabo. Só esporadicamente asina o alcalde ou outra concelleira os vales de compra. Ese sistema recuperámolo da nosa etapa de goberno anterior, porque é o máis transparente e que exerce control case absoluto sobre os gastos que se efectúan no concello”.
O alcalde burelés subliñou que “a tramitación das facturas é limpa e diáfana: a persoa que emite a factura, sela a mesma e asínaa, para recoñecer que efectivamente é dela e é ela quen a emite. E esa é a firma que aparece na factura, onde se l perfectamente MDurán, que non se corresponde para nada co que din os socialistas. Posteriormente, como a factura é por unha subministración para un servizo ou outro, o concelleiro ou concelleira responsable dese servizo da a conformidade á factura, e por iso asina tamén. Isto último dáse absolutamente en todas as facturas, e mesmo hai unha asinada por eu mesmo, concretamente a de 30/04/2012; a Sra. López Eijo asina, por exemplo, a de 30/01/2012 ou a de 23/09/2011, entre outras; a Sra. Pedre Otero asina, entre outras, as de 29/08/2011, ou a de 29/02/2012; a Sra. Piñeiro asina, por exemplo, a de 19/08/2011. En ningunha destas facturas aparece a firma da concelleira Diana Durán. En ningunha, nin na tan citada factura do 26/11/2012.
Para o alcalde e o seu quipo de goberno “todo isto representa que os socialistas non verificaron as firmas, o que demostra unha absoluta mala fe na súa forma de actuar. Cando se di o que dixeron eles, hai que asegurarse moi ben do que se di, e se non se está seguro o mellor é non dicir nada. Por certo, este establecemento xa era subministrador do Concello durante o bipartito. Esperamos que xa que tiveron a ousadía de sementar dúbidas sobre o comportamento dunha concelleira, agora teñan a decencia e a vergoña suficientes para pedir desculpas, tanto ó establecemento, por metelo nunha guerra política, coma á concelleira Diana Durán, por acusala de unha ilegalidade que non cometeu”.
González Barcia engadiu que “ademais de demostrar mala fe, hai veces en que parecen ignorantes: non se lle pode abrir un expediente disciplinario a un cargo político electo, iso só se pode facer cos empregados públicos, e a Sra. Durán nestes momentos non exerce como tal. E non se pode aplicar o Código Civil para establecer o grado de cosanguinidade á hora de formalizar contratos na administración, para iso está a Lei de Contratos do Estado, que é a que hai que aplicar”.
O rexedor dixo que “non se pode ser máis cínicos que socialistas. A Sra. López Villar, que debería coñecer ben o que se refire ós grados de cosanguinidade, fixo o mesmo que os socialistas din que fixo, e que como se ve non fixo, a Sra. Durán: asinou facturas que non debería ter asinado, unha delas de 06/09/2008, correspondente co mandamento de pago 2.531 euros. O desta señora é de auténtico circo: non contenta con elaborar books fotográficos ordenou que se sacaran fotos de peixe espada, ¡en Vigo!, e mesmo deixou sen pagar unha factura asinada por ela e que entrou no rexistro… ¡o 28/10/2010!, e que tivo que pagar o equipo de goberno actual. A Sra. López Villar debería saber que durante o bipartito si houbo establecementos que facturaron nos anos 2009 e 2010 máis do permitido na Lei de Contratos do Estado”.
Desde o equipo de goberno “pedímoslles ós socialistas que muden de forma de actuar: non se pode enfangar ás persoas, nin no persoal, nin no político. Eles están lanzando insidias e difamando, aplicando aquilo de difama que algo sempre quedará. Non se dan conta de que os cidadáns pídenlles que exerzan de oposición real, presentando propostas. De todas as formas, pouco ou nada se pode agardar dun portavoz cincoentamileurista que vive ó quente da Deputación e que non se entera do que fan os seus compañeiros; dunha concelleira megalómana con aires de grandeza e de soberbia; e dun secretario xeral condenado por faltas por coaccións na súa actividade sindical pública”.
A intervención do alcalde rematou: “finalmente, dicirlles ós veciños e veciñas de Burela que o actual equipo de goberno actúa co máis absoluto rigor; que este goberno confía plenamente na labor dos técnicos municipais. Pero tamén dicirlles que non estamos dispostos a calar nin a quedar marcados polas difamacións dos socialistas, e para iso usaremos todos os recursos que nos dá a lexislación vixente”.