Burela, 8 de xuño de 2013. O equipo de goberno de Burela manifestou hoxe que “os pagos efectuados ós que fai referencia o PSOE son perfectamente legais, non superan o límite marcado na Lei de Contratos do Estado para a adquisición de subministracións e non tiveron reparo nin por Intervención nin por Secretaría”. Ademais considera que “os socialistas teñen entrado nunha fase na que para eles vale todo con tal de enfangar a política municipal. Mesmo se refiren a persoas e establecementos cunha falla absoluta de vergoña que pode supoñer a vulneración da Lei de Protección de Datos”.
En primeiro lugar, “o PSOE minte. Os pagos efectuados por subministracións que eles citan ascenden a 18.306 euros, IVE incluído. A Lei de Contratos do Estado manifesta claramente que os contratos menores, en materia de servizos, non superarán os 18.000 euros, pero sen IVE. Co que cabe afirmar que os pagos efectuados cumpren a lei”.
En segundo lugar, “o PSOE volve mentir. A concelleira citada en ningún momento asinou ningún vale autorizando a compra no establecemento que os socialistas citan”. E en terceiro lugar, “ocultan información. Sobre este asunto, existe un informe de Secretaría de 25 de abril do presente ano, coñecido polo PSOE, pero que ignoran, que di textualmente o seguinte:
Primeiro: O artigo 138.3 do Real decreto lexislativo 3/2011 de 14 de novembro, polo que se aproba o Texto refundido da Lei de contratos do sector público establece que se consideran contratos menores os de importe inferior a 50.000’00€ cando se trate de contratos de obras, ou de 18.000’00€,cando se trate de outros contratos.
Segundo: O artigo 111.1 do Real decreto lexislativo 3/2011 de 14 de novembro, polo que se aproba o Texto refundido da Lei de contratos do sector público establece que nos contratos menores a tramitación do expediente só esixirá a aprobación do gasto e a incorporación do mesmo á factura correspondente (sic).
En base ó anteriormente exposto, e tendo en conta que nos atopamos ante un contrato de subministro por importe de 18.306’44€ (IVE incluído), esta secretaría considera que non se incumpre o Texto refundido da Lei de contratos do sector público (sic). A determinación do límite de contrato menor efectúase coa exclusión do IVE, xa que o artigo 88.1 do Real decreto lexislativo 3/2011, de 14 de novembro, polo que se aproba o Texto refundido da Lei de contratos do sector público dispón que o valor estimado dos contratos virá determinado polo importe total, sen incluír o Imposto sobre o Valor Engadido. (A cantidade a ter en conta, en consecuencia, sen o IVE é a de 15.733’11€).
A adquisición de material para o normal funcionamento de servizos trátase dunha práctica ordinaria en todos os Concellos, pois depende das necesidades que se vaian presentando, e sen que moitas veces sexa posible facer unha previsión inicial.
Segundo o goberno municipal burelés, “o PSOE coñece este escrito, que lle foi entregado á concelleira López Villar e que non debeu entender nin comprender, dado que os socialistas ignoran este informe na súa nota de prensa; aínda que tamén poida ser que actúen de mala fe para enfangar a vida política municipal”.
En cuarto lugar, “os socialistas demostran un descoñecemento absoluto, porque non se lle pode abrir ningún expediente disciplinario a ningún concelleiro, dado que non é funcionaria do Concello de Burela, e non participa no procedemento. Retamos ó PSOE a que presente no pleno unha proposta de reprobación cara a concelleira Durán e que o fagan xa, pero deberán presentar probas contundentes”.
En quinto lugar, “o escrito presentado polos socialistas é absolutamente esquizoide; eles non son capaces a redactar ese escrito, no que, por certo, se refiren ás posibles sinaturas da señora Durán como supostamente. Recomendámoslles que cando presenten un escrito así o fagan con probas debidamente contrastadas”.
Por último o equipo de goberno manifesta: “non sabemos como un cincuentamileurista co sillón quente na Deputación, o señor Llano; unha concelleira, a señora López Villar, reina da fotografía, que fai obras sen licenza e que por riba asinou facturas como as que fai referencia o PSOE, xunto cun sindicalista condenado pola xustiza por unha falta por coaccións, se atreven a dar leccións de nada. Non toleraremos que se sementen insidias e difamacións, algo moi propio dos socialistas cando non teñen motivos reais para facer oposición. E se chegan ós extremos que chegaron, desde o equipo de goberno tampouco nos quedaremos quietos”.