Santiago, 18 de xuño de 2013.- O Grupo Parlamentario Popular lamentou hoxe que o PSOE pretenda confundir aos veciños de Cervo tras facer interpretacións falseadas dunha pregunta formulada polo PP no Parlamento galego na que os populares se interesan pola reorganización sanitaria neste concello lucense.
Os populares demostran que as mesmas preguntas formuladas polo Grupo Popular, e que tanto critican, son as que efectuou o Grupo Socialista no Parlamento, e se limitan a solicitar da Xunta información sen facer ningún tipo de valoración. Os populares incluso van moito máis lonxe e na súa iniciativa -máis ambiciosa- solicitan datos sobre o número de cartillas, ou sobre o persoal co que contou e contarán os dous centros de saúde deste concello.
Para os populares non é nada raro que o PSOE descoñeza como funciona o Parlamento galego, xa que tampouco teñen idea sobre como funciona o seu propio Concello. Ademais non é a primeira vez que os socialistas cometen esta confusión, polo que entenden que hai unha clamorosa falta de entendemento entre o PSOE local e os seus compañeiros no Parlamento “e iso a pesar de que un deputado socialista estivo manifestándose xunto a eles en Cervo”.
Desde o Grupo Popular fan un chamamento para que o PSOE non politice este tema porque cada vez que os socialistas pretenden apropiarse dunha reivindicación veciñal acaban con todo.
Desde o Grupo Popular aseguran que, os seus deputados teñen a obriga de interesarse por todas as cuestións que preocupan aos veciños de cada municipio e lamentan que o PSOE xogue a futurólogo atribuíndo intencións ou valoracións que so lle corresponde facer ao PP.