Do 26 ao 28 de xuño, varios grupos de persoas con discapacidade participarán en diversas actividades a bordo do Laion realizando bautismos de mar na ría de Ribadeo, porto no que se dará o pistoletazo de saída a esta edición do Proxecto que recorrerá ao longo da tempada estival a costa galega realizando actividades de vela a bordo da embarcación Laion no marco dunha VOLTA A GALICIA, dende Ribadeo a Moaña, así como participando nos principias eventos náuticos e regatas da Comunidade galega e desenvolvendo escolas de vela lixeira en colaboración con diversos club náuticos.
As travesías pola ría parten os tres días dende o Real Club Náutico de Ribadeo. O mércores sae ás 11:00 horas cun grupo da entidade Fraternidad de Tapia de Casariego. Pola tarde, ás 16:00 horas, o grupo está conformado por persoas usuarias de Fraternidad e tamén de COGAMI-Ourense. O xoves, vai ser novamente Fraternidad quen embarque ás 11:00 horas e o venres van ser persoas usuarias de A Mariña-COGAMI, tamén ás 11:00 horas. Arredor de tres horas é o tempo que duran as travesías pola ría nas que, aparte de poder gozar da navegación, poderán aprender a facer nós náuticos, manexar o timón do barco e atender ás explicacións que a tripulación lles ofrece.
Deste modo, quedarán materializadas as actividades que no pasado mes de febreiro, COGAMI e o Real Club Náutico de Ribadeo, recollían nun convenio de colaboración destinado a fomentar a navegación a vela entre o colectivo das persoas con discapacidade que viven en A Mariña Lucense.
O Proxecto GAVEA (Galicia Vela Adaptada) da Federación de Asociacións de Persoas con Discapacidade da Provincia de A Coruña (COGAMI Coruña), entidade membro de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), que conta coa colaboración de Obra Social La Caixa, nace en 2002 para fomentar a participación das persoas con discapacidade en actividades náutico- deportivas, derribando as barreiras que impiden o uso do medio mariño, xa que acceder a este tipo de actividades é complexo por carecer dunha oferta de lecer e tempo libre adaptada na nosa contorna.
O Laion, de 13 metros de eslora, ten capacidade máxima para 9 pasaxeiros/as: 2 tripulantes, 5 participantes con algunha discapacidade e outras 2 persoas serán voluntarias que farán tarefas de acompañamento dos participantes. A tripulación do Laion está formada por persoas voluntarias que ceden desinteresadamente o seu tempo libre para participar neste proxecto.
A embarcación conta con adaptacións para facer practicable a navegación, como un guindastre instalado na botavara que permite embarcar ás persoas con mobilidade reducida dende o pantalán ata uns backets instalados na bañeira do barco. O control da embarcación conta cun winche eléctrico que se activa a través dun pulsador, permitindo así que calquera persoa con discapacidade poida gobernar o barco.
O veleiro foi incautado ao narcotráfico pola Audiencia Nacional e posteriormente cedido en garda e custodia á Asociación de Discapacitados da Bisbarra de Muros (ADISBISMUR), asociación membro de COGAMI. Dende entón, o Laion cumpriu todos os anos unha función inclusiva a través do deporte.
A través do Proxecto Gavea, máis de 2.900 persoas con discapacidade coñeceron e gozaron ao longo destes anos das sensacións que se experimentan en alta mar, participando e acompañando aos principais eventos náuticos de Galicia, como son a Volta Náutica a Galicia, a Xira Náutica Costa da Morte, a Regata S.A.R. Infanta Elena, ou a II Travesía a Nado “Praia de Perbes- Pena Fesa”, pero tamén en eventos de grande sona internacional como son a Regata Inicial da Volvo Ocean Race, o Fórum Barcelona 2004, ou a 32ª Edición da America´s Cup de Vela celebrada o pasado ano 2007 en Valencia. Tamén cabe destacar as diversas singraduras que organiza COGAMI no marco do Proxecto GAVEA como son a travesía pola Costa Cantábrica, entre outras.
Entre os principais obxectivos do proxecto destacan:
– sensibilizar á opinión pública e ás persoas con discapacidade de que poden desempeñar un papel activo na sociedade, poñendo a énfase nas súas capacidades en lugar de situalo sobre as súas limitacións.
– traballar coas persoas con discapacidade que participen nas actividades náuticas coa finalidade de facilitarlles o crecemento persoal e o descubrimento das capacidades necesarias para superar as dificultades de integración, tanto nesta experiencia como na vida cotiá.