CERVO, 12 DE XUÑO. A Asociación de veciños de Cervo e Sargadelos anuncia a creación da chamada Comisión veciñal en defensa dos servizos sanitarios de Cervo, “o que comezou sendo un problema só para os veciños de Cervo, xa que nos preocupaba a perda do médico do noso centro de saúde, estase a converter nunha preocupación para tódolos habitantes deste concello.
As medidas a tomar pola actual Xunta de Galicia apuntan a que ó final nos quedaremos cun médico menos, pasaremos de 4 a 3”. O pasado luns foi convocada unha reunión para tódolos colectivos veciñais do concello co obxecto de poñer enriba da mesa esta situación, “o noso único fin é que se manteñan os servizos tal e como estaban. Creamos esta comisión para seguir loitando nesta dirección e a día de hoxe somos 21 os colectivos que firmamos este acordo”. Esta vintena está composta por diferentes axentes sociais do concello, “asociacións de veciños, asociacións de mulleres, colectivos culturais, deportivos, partidos políticos, sindicatos. Todos apoiamos a idea de que os nosos servizos sanitarios non se poden ver mermados. Lembramos a aqueles cos que non poidemos contactar ou que non puideron acudir á xuntanza, que as portas están abertas. Por suposto, non se pecharán a ninguén que queira loitar por ese denominador
común que é a sanidade pública do noso concello”.
Dende a Asociación de Cervo e Sargadelos lembran que “hai dous días, varios representantes dos veciños conseguimos forzar unha reunión con responsables do SERGAS que acudiron ó centro de saúde de San Ciprián. Só nos quixeron tratar de convencer de que con tres médicos poderemos estar mellor que con catro grazas á optimización e rendibilidade dos servizos”. Engaden que “a única verdade é que con menos facultativos o servizo verá mermada a súa calidade pois a carga de traballo será moito maior para cada un deles. Se hoxe temos as listas de espera que temos non queremos saber qué pasará cando se vexa reducido o cadro de persoal”. Ademais de malas novas, “quérennos facer calar con mentiras a medias. Queremos un compromiso real e efectivo que manteña os servizos que tiñamos hai dúas semanas”. Mentres a situación non se resolve, convocamos “para mañá unha concentración ás 12.00 horas ás portas do centro de saúde de San
Cibrao e o vindeiro venres á mesma hora diante do centro de atención primaria de Cervo. A parte das protestas, este mesmo xoves ás 20.00 horas terá lugar na Casa da Cultura de San Cibrao unha reunión informativa para dar a coñecer o trancorrer da situación e intercambiar as nosas ideas e opinións ante o asunto”.