Os sendeiristas de Burela participaron este domingo no II Lucus a Pé que organizou a Sociedade Micolóxica Lucus, e que reuniu na capital lucense preto de 600 sendeiristas de Asturias e Galicia. A ruta partiu da Praza Maior ás dez da mañá, despois da benvida dos organizadores e autoridades do Concello. A continuación pasaron pola piscina romana de Santa María ata chegar á Muralla pola porta de Santiago, onde foron interceptados por unha comitiva de lexionarios romanos nun acto de recreación histórica e no que lles entregaron un salvoconducto para poder avanzar a camiñata. Continuaron pola muralla ata sair da cidade cara o paseo do río Rato e enlazar logo co do río Miño, pasando pola ponte, as termas romanas e atravesando fermosas paraxes de carballeiras e bosques de ribeira que ofrece o Miño ó seu paso por Lugo. A ruta de 18,3 km finalizou no Pazo de Feiras e Congresos onde a organización repartiu unha comida de produtos típicos de Lugo contando tamén con música de gaitas.
