Lugo, 2 de xullo de 2013. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, asinou xunto coa representante da Associaçom Galega da Lingua (AGAL), Noemi Pinheira, un convenio de colaboración para a posta en marcha un ano máis do programa OPS! (O Português Simples). Grazas a este convenio de colaboración, polo que a Área de Cultura da Deputación aporta 10.000 euros, vanse desenvolver obradoiros nos centros de ensino lucenses co obxectivo de lle mostrar ao alumnado que a nosa vantaxe competitiva no contexto español e europeo é a nosa lingua, o galego, porque nos permite acceder ao mundo que se expresa en portugués (Brasil, Portugal, Angola…) e, por tanto, ás súas sociedades, producións culturais e mercado laboral.
Trátase dunha iniciativa idealizada e desenvolvida pola Associaçom Galega da Lingua (AGAL), dirixida a alumnos e alumnas, a partir de 12 anos, para promover o achegamento ao mundo lusófono no convencemento de que é un reforzo para o estatuto da lingua galega e o dos seus falantes. Esta iniciativa xa se levou a cabo en 17 centros escolares lucenses o curso pasado cun importante éxito e aproveitamento nos 52 obradoiros realizados.
Tal e como sinalou Mario Outeiro, este programa é moi importante por diversos motivos, xa que “a maioría dos/as estudantes, cando rematan a educación obrigatoria, descoñecen que o portugués pode formar parte do seu currículo e a utilidade de coñecelo, tanto no ámbito formativo como laboral. Ademais, a través destes obradoiros ponse en valor o galego, facendo ver a súa potencialidade e contrarrestando os prexuízos que o infravaloran”. Ademais, hai que ser conscientes de que o plurilingüismo vai ter cada vez máis valor, como consecuencia da globalización e da súa promoción por parte das institucións políticas (a comezar pola Unión Europea), e en épocas de crise é preciso ampliar o máis posíbel a formación e afinar onde depositar a atención para investir recursos.
Estes obradoiros de OPS! lévanse a cabo nos centros educativos de xeito gratuíto. Cada obradoiro ten unha duración de 100 minutos en horario lectivo (equivalentes a dúas clases seguidas) e desenvólvese na propia aula, sendo o número ideal de alumnos/as participantes entre 20 e 40 como máximo (porque cantos máis alumnos, menor é a interactividade do obradoiro). O relator exprésase en portugués de Portugal ou en portugués do Brasil, indistintamente, incidindo en que tal circunstancia sería inviábel en Madrid ou Barcelona (porque alí non saben galego).
Este ano xa se desenvolveu a primeira quenda de obradoiros, na primavera, e realizarase outra en outono no marco desta colaboración entre a Área de Cultura. Na primavera participaron os centros lucenses: IES Muralla Romana, IES Leiras Pulpeiro, IES Sanxillao, CEIP Luís Pimentel, IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, CEIP Albeiros, CEIP Sagrado Corazón, CEIP Virxe da Soidade, CEIP Casás, CEIP Paradai, CEIP A Ponte, CEIP Menéndez Pelayo e CEIP Manuel Mallo.