Burela, 12 de xullo de 2013. Os nenos e nenas da ocioteca de Burela realizaron este xoves 11 de xullo a actividade A mar de sucia, grazas á que identificaron varias mostras de auga, comparando unhas mesturadas con produtos contaminantes, como xampú ou aceite, con outras de auga salgada, da billa ou embotellada.
Despois, recolleron mostras de auga do mar e, coa axuda dun filtro, colárona para observar todos os seus restos. Como explica a concelleira de Medio Ambiente, Patricia López Eijo, “a maior responsabilidade da contaminación dos océanos é do home. Aínda que os mares teñen unha gran capacidade de adaptación e de absorción de substancias estrañas, miles de millóns de toneladas de vertidos e residuos son tirados ao mar continuamente”.
A edil popular indicou que “existen diferentes tipos de contaminantes da auga, uns son os contados nas chamadas augas residuais, que son os que trasladan o lixo doméstico dos nosos fogares. Outros son algúns nutrientes vexetais, que fan medrar as plantas que ao descompoñerse esgotan o osíxeno e producen cheiros. Tamén son vertidos ás augas do mar algúns produtos químicos e industriais que producen danos irreversibles e qué dicir dos accidentes que ocasionan derrames de petróleo nos mares”.
A ocioteca do Concello de Burela axudou con esta iniciativa a que os pequenos aprendesen que “a contaminación das augas xera moitos efectos negativos, entre eles varias enfermidades a causa da presenza de nitratos ou de metais como o cadmio, plomo ou mercurio”.