Para o próximo pleno ordinario que se vai a celebrar o día 23 de xullo o Grupo Municipal Socialista de Burela presenta dúas mocións para ser debatidas.
A primeira solicita do Concello a creación dun Banco de Libros para a Educación Primaria e Secundaria obrigatoria coa fin de favorecer ás familias que teñan dificultades para facer fronte aos gastos en libros de texto.
Esta iniciativa xurde como consecuencia das constantes rebaixas que o actual goberno da Xunta esta a aplicar no ensino público (incremento de prezos nos comedores, eliminación da gratuidade en libros, peche de centros, eliminación de prazas docentes,, etc.), somerxidas nunha crise económica que condiciona moito a capacidade de recursos das familias.
A segunda moción é para instar á Xunta para que non se aplique a redución de profesionais sanitarios nos centros de saúde da provincia e para recuperar a soberanía funcional do Hospital da costa mantendo a Área Sanitaria da Mariña.
Despois de que a conselleira de sanidade admitira en Sede Parlamentaria que tiña a intención de reducir á metade a dotación de RRHH dos centros de saúde do rural ourensá que teñan menos de 1500 habitantes, temos a primeira vítima na sanidade luguesa. O Concello de Cervo, que dispoñía de catro prazas de facultativos distribuídos equitativamente nos centros de saúde de Cervo e San Cibrao, sufriu un novo recorte froito da recen estreada Xerencia de Xestión Integrada de Lugo, Monforte e Cervo. Tras a xubilación dun facultativo, a súa praza quedou sen cubrir mediante as listas de contratación co vacuo argumento de que con tres médicos abonda para atender á poboación. A deterioración da sanidade cos novos criterios da Xestión Integrada ameaza numerosos concellos con profesionais a punto de obter a súa xubilación, como é o caso de Xove, onde o SERGAS ten a intención de eliminar unha das tres prazas médicas do centro de saúde por xubilación do seu titular, aplicando o mesmo criterio que en Cervo sobre rateos en relación ao número de pacientes. Con medidas como esta, baseadas nos recortes orzamentarios da Xunta en sanidade, ademais de deteriorar a calidade asistencial nos centros mais próximos á poboación, provocan o colapso da atención especializada. Xove ten na actualidade un censo de 3.512 persoas e conta con tres facultativos, si esta decisión é definitiva quedaría con dous facultativos.
Esta é unha das consecuencias da implantación da área sanitaria integrada, que fai que o orzamento da atención primaria deixe de ser autónomo e pase a depender dos criterios dun único xerente central. Esta xerencia pode decidir que os cartos dos centros de saúde máis pequenos poidan pasar á atención especializada e aos hospitais con criterios só económicos e de aforro, e non de servizo público.
Agora mesmo pódese apreciar a constante derivación de pacientes da Mariña a outros centros, algo que sen dúbida ten efectos maquilladores da realidade do funcionamento do centro hospitalario mariñao, e que causa molestias constantes á poboación da Mariña e que, o mesmo tempo, produce saturación no HULA (como vimos nestes días). Tamén se pode apreciar a ausencia de substitucións de persoal e o peche de camas durante a tempada de verán, a pesar do incremento de poboación da comarca nesta época do ano. Hai quen quere enganar a poboación da comarca insinuando que o hospital funciona impecablemente, pero é evidente a rebaixa de actividade no Hospital da Costa estes días e isto terá, sen dúbida, consecuencias nos datos oficiais de agarda que como tódolos anos terá incrementos notábeis que serán contrastados no outono.
A recuperación da autonomía da Área Sanitaria da Mariña é unha cuestión moi urxente.Cada día que pasa compróbase que o noso hospital estase a converter nunha sucursal de terceira da xerencia única, como xa advertiu o PSdeG.
É obriga de todos os veciños da Mariña defender un servizo público que beneficia o conxunto da poboación e que tanto custou implantar e manter. A aptitude do conxunto de alcaldes do PP é precisamente a contraria.