O martes 27 agosto de 2013, a partires das 21:45 h, verá a luz un CADERNO de VIAXES co que a Asociación Cultural Casa das Letras trata de contribuír á posta en valor dun dos concellos que, polas súas características culturais, históricas e patrimoniais, o converten nun dos máis emblemáticos deste comarca, RIBADEO.
A través de 48 acuarelas e un breve texto introdutorio, a Asociación Cultural Casa das Letras pretende achegar ós ribadenses e visitantes o patrimonio (arte, historia, etnografía, natureza,…) máis salientable, ao tempo que lle da ao lector a posibilidade de plasmar no propio caderno as impresións e suxerencias que lle provocan os lugares escollidos polo ilustrador.
Preséntase este traballo en galego, castelán e inglés.
Foi fundamental para poder levar adiante este proxecto a colaboración do pintor e ilustrador galego EDUARDO BAAMONDE (eduardobaamonde.blogspot.com), presente noutros proxectos que tiveron que ver coa comarca de A Mariña: Aventura na Mariña e A Ruta Pardo de Cela.
Este CADERNO DE VIAXE é o inicio dun proxecto máis global que terá continuidade ó longo dos vindeiros meses e que permitirá acometer outras iniciativas encamiñadas a unha rigorosa promoción de Ribadeo en particular e do noso país en xeral: estamos convencidos de que con iniciativas coma esta axudamos a valorizar lugares que tiveron e teñen un importante protagonismo na historia de Galicia.