Cervo, 24 de agosto de 2013.- As Noites Alternativas despedíronse por este ano, e fixérono co último dos torneos incluídos no programa, o de pádel, que se desenvolveu na pista do polígono de Cuíña e no que participaron unhas 50 persoas. Deste xeito, rematadas as actividades, a Concellería de Deportes fixo balance de participación, que resultou moi positivo xa que durante sete semanas acudiron aos torneos e demais eventos máis de 500 persoas, superando a cifra acadada o ano pasado e alcanzando uns elevados niveis de asistencia.
Este verán a oferta de actividades deportivo-lúdicas das Noites Alternativas incluíu torneos de cinco disciplinas diferentes como son fútbol praia, fútbol sala, volei praia, baloncesto e pádel, así como outras actividades como a Noite dos Patíns e a Noite de Orientación. O campionato 3×3 de baloncesto foi o máis numeroso en canto participación, seguido moi de preto dos de fútbol sala e fútbol praia.
Cabe lembrar que este programa desenvolveuse en diferentes localizacións da vila de San Ciprián dependendo das necesidades de cada disciplina, como foi o caso da praza dos Campos, a praia do Torno e a pista de pádel do polígono de Cuíña e aproveitando sempre as instalacións deportivas xa existentes.
As Noites Alternativas é un programa xa consolidado para cubrir o tempo de lecer nocturno dos meses de verán para persoas de todas as idades especialmente dirixido á practica de deporte e ao entretemento que se vén ofrecendo nos últimos anos.
Pero xunto aos obxectivos de fomento do exercicio físico e de ampliar a oferta de entretemento durante o verán, este programa tamén contribuíu “a dar vida á vila e a crear un ambiente de animación durante as noites” asegura o edil de Deportes, Luis Guillén, que lembra como “distintos lugares da localidade enchéronse de persoas, tanto de xogadores e participantes nas actividades como de público expectante e moi pendente dos torneos ata o último momento, o da entrega de medallas” remata Guillén.