José Ramón Gómez Besteiro vén de enviar unha carta aos secretarios e secretarias xerais do PSdeG en Galicia tras ser refrendado como candidato de forma oficial, para que estes a fagan chegar á militancia das súas agrupacións, ao non ter acceso directo a todo o censo, como marcan as normas do proceso. No escrito, Besteiro expresa o seu “respecto e recoñecemento” pola “lección de democracia e participación” que están a dar nun proceso “novidoso” que “debe ser o camiño para construír xuntos o futuro do partido e o de Galicia”.
O socialista lembra ademais no escrito que “cada un dos avais recibidos” é xa “unha peza” do seu “compromiso co partido e con Galicia, e unha garantía do respecto aos ideais do socialismo e dun proxecto sólido, renovador, integrador, galego e de esquerdas”. Tras esta primeira fase do proceso de renovación do partido, Gómez Besteiro lémbralle á militancia que “nada está aínda feito”, e no tempo que resta ata a votación do 7 de setembro espera “ser merecedor da confianza e saber entender as inquedanzas” dos e das militantes que aínda non teñan decidido o seu apoio.
O candidato á secretaría xeral do PSdeG estara á disposición da militancia a través do correo falamos@gomezbesteiro.com, a web www.gomezbesteiro.com ou o Twitter @jrgomezbesteiro para aclarar dúbidas ou respostar preguntas. Ademais, seguirá visitando as cidades e comarcas de toda Galicia para achegar o seu proxecto. “Moitas grazas, unha vez máis, por un comportamento exemplar e por amosar cada día que, entre todos e todas, o PSdeG voltará con máis forza ca nunca”, remata o socialista.