D. César Docampo Fernández, na súa calidade de voceiro do Grupo Municipal do Nacionalista, Dona Rocío López García, na súa calidade de voceira do Grupo Municipal Socialista e Dona Guadalupe Flórez Seivane, na súa calidade de voceira do Grupo Municipal Popular, ó abeiro da lexislación vixente, presenta, para o seu debate e aprobación se procede na vindeira sesión ordinaria que celebre a corporación municipal, a seguinte
MOCIÓN RELATIVA A TRANSFERENCIA DA ESTRADA MUNICIPAL COÑECIDA COMO “CAMIÑO A” DA ZONA DE CONCENTRACIÓN PARCELARIA LOURENZÁ SUR
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A Xunta de Goberno Local na sesión celebrada o 17 de marzo do 2005 adoptou o acordo de transferir á Excma. Deputación de Lugo a titularidade do Camiño A da zona de concentración parcelaria de Lourenzá Sur, polígonos 4 e 9 que vai dende a parroquia de Santo Adrao, lugar de Lanzós ata a parroquia de San Xurxo, lugar de Outeiro, con lonxitude de 2,8 quilómetros e que enlaza a vía provincial CP 2801 que vai de Santo Tomé a Augaxosa coa estrada autonómica LU 122 que vai dende Paraxes a Lourenzá.
Este acordo, ratificado por unanimidade no Pleno do Concello realizado o 1 de abril do 2005, foi motivado polo feito de que, dada a idoneidade do seu trazado, esta vía converteuse nunha prolongación da estrada provincial antes mencionada e tendo en conta a gran afluencia de tráfico que rexistra, o Concello se vía imposibilitado para proceder ao seu mantemento dado o elevado custo que elo supón.
Posteriormente o 19 de maio do mesmo ano, a Excma. Deputación Provincial comunica ao Concello a aceptación da proposta propoñendo que o Concello asuma o tramo urbano da CP 2801 de Santo Tomé a Mazo, pasando por Santo Adrao e Augaxosa e que queda con menos tráfico entre os p.k. 0.000 e 1.081, desta maneira deixa de ser unha cesión e pasa a ser un dobre cambio de titularidade de bens de uso público entre ambas Administracións. Este acordo foi levado a pleno o 18 de xullo do 2005 e aprobado cós votos da maioría do pleno pertencentes ao Grupo Municipal Popular e coa abstención dos grupos da oposición.
Con data 13 de marzo do 2006 o concello de Lourenzá recibe a certificación do acordo de aprobación de dobre cambio de titularidade adoptado por unanimidade polo pleno da Excma. Deputación con data 27 de febreiro do ano 2006.
Dende ese momento o Concello de Lourenzá urbanizou o tramo que asumira, con distintas axudas, algunha delas con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Exma Deputación e pola súa banda a Deputación de Lugo incorporou á rede provincial o tramo transferido como así consta no informe emitido por esta con data 24 de Outubro do 2006 a este Concello.
Neste mesmo informe comunicaba que se rexenerara na primeira quincena de agosto un 80% do tramo en cuestión e que se propoñía con cargo a primeira posibilidade orzamentaria da que se dispuxera ampliar a sección transversal de 6 m. de plataforma ata os 9 m. que consideraba adecuado ao tráfico que soporta.
Se ben é certo que non se chegou a asinar o convenio de dobre cambio de titularidade, por parte da Deputación cobráronse tanto a particulares como ao propio Concello o importe de licenzas municipais, fíxose o mantemento da vexetación lateral así como se procedeu a colocar os PK que posteriormente o mesmo Ente retirou.
Con todo isto poñémonos no ano 2012 sen ter regulada esta situación, por ese motivo o Pleno Municipal en sesión ordinaria celebrada no mes de Agosto acorda por unanimidade das tres forzas políticas instar a Excma. Deputación a regularizar a situación procedendo a asinar o convenio necesario para facer efectivo o dobre cambio de titularidade.
Así mesmo o 31 de outubro do 2012 o pleno da Excma. Deputación Provincial adoptou o mesmo acordo por unanimidade.
Finalmente o 10 de maio do 2013 recibe este Concello o borrador do Convenio para a transferencia mutua de vías no que figura na Cláusula Cuarta a condición de que “sempre que, previamente, realice o Concello de Lourenzá, á súa costa, as obras de acondicionamento e mellora do treito”.
A vista disto, tendo en conta que non se concretaba nas actuacións esixidas e, estando tramitando Augas de Galicia o deterioro que por mor das riadas do mes de xaneiro sufre a vía no lugar de Sendín na ponte sobre o río Batán, considerouse oportuno remitir o proxecto técnico a fin de que fora eliminada a cláusula citada no parágrafo anterior.
O 19 de Xuño do corrente recíbese no Concello informe sobre o convenio de transferencia de estradas esixindo non só o arranxo da ponte antes mencionada, senón que esixe:
– regulación do firme existente e posterior afirmado con mestura bituminosa en quente,
– apertura de cunetóns,
– limpeza de taxeas,
– pintado de liñas reflectantes e colocación de “ollos de gato”,
– construción de variante para realizar a intersección có P.K. 31 da estrada comarcal LU 122
Tendo en conta que aos tres grupos que encabezan esta moción nos parece esaxerado e fóra de lugar as esixencias impostas, xa que rachan co fin último que se pretendía ao inicio das negociacións no ano 2005 propónselle ao Pleno do Concello de Lourenzá a adopción do seguinte
ACORDO
1. Eliminar a cláusula cuarta do borrador remitido ao Concello con data 10 de maio do presente para a transferencia mutua de vías.
2. Asinar o convenio, coa modificación mencionada no punto 1, no prazo máximo de 1 mes transcorrido dende a data de finalización da obra que está executando Augas de Galicia na estrada denominada como Camiño A.
O que se traslada ó Pleno da Corporación Municipal ós efectos indicados, en Lourenzá, a 9 de agosto do 2013.