Despois da primeira das charlas sobre Crise, economía e falsos dogmas, a cargo de José Mª Martínez Fernández, o próximo xoves 10, no Salón de Actos da Casa do Mar de Ribadeo, ás 20:30, terá lugar a segunda, que manterá José Ángel Bolaño Penelo, que continuará tendo como referencia para análise os seguintes capítulos do libriño ‘Manifesto de economistas indignados’.
Quen foi á charla pasada, xa sabe que o ciclo paga a pena. Máis aínda, nestes tempos nos que a desvalorización diriamos que ‘vai por barrios’, pois non afecta por igual a todo o que se pode desvalorizar, e polo tanto, tampouco a todas as persoas por igual, como foi explicado na primeira das charlas.
Crise asimétrica e cambiante, sobre todo, nas condicións ás que se ve condenada a poboación, que necesita asimilar, comprender e actuar como sociedade para sobrevivir como tal.
Como a pasada semana, terá lugar primeiro a charla e de xeito posterior un coloquio, co público como elemento fundamental, e coa presenza dos catro ponentes, sobre a temática da charla e sobre a crise en xeral.
Dende a AVV O Tesón lembran que “o ciclo vai dirixido a persoas que teñan interese en saber máis e compartir coñecementos, sen importar que ó inicio das mesmas o nivel de coñecementos socioeconómicos sexa máis alto ou máis baixo: preténdese igualar os niveis por enriba explicando os conceptos necesarios”.