Delegacións de Anova e de Espazo Ecosocialista, encabezadas polos seus coordinadores nacionais, Martiño Noriega e Xoán Hermida, reuníronse (03.10.13) para intercambiar opinións arredor das eleccións europeas e para trasladar a Anova á proposta de relación estratéxica da esquerda nacional que Espazo Ecosocialista traslada a Anova e a EU.
Sobre ás elección europeas ambas forzas coincidiron na idea de que ás mesmas se presente un suxeito político da esquerda nacional galega, e que este se coordine nunha fronte ampla con outros proxectos de forzas de esquerda transformadora doutros territorios e mesmo do estado, tendo en conta a situación de crise sistémica e proceso (s) constituínte (s).
Ademais Espazo Ecosocialista considera que ese suxeito político nacional debe nuclearse arredor de AGE dende unha colaboración estratéxica, corresponsable e compartida (de igual a igual) das súas forzas políticas que permita seguir a construír o novo proxecto político da esquerda nacional galega posto en marcha hai un ano.
Para Espazo Ecosocialista como hai un ano, non pode haber lugar ás exclusións na participación neste proceso (serán autoexclusións no seu caso), dende as premisas de compartir as bases programáticas que se definan, pero debe mellorarse o funcionamento interno, observándose as reivindicacións de máis democracia interna, máis transparencia e máis protagonismo da propia cidadanía crítica e mobilizada.
Igualmente para Espazo Ecosocialista é ineludible aplicación de formulas participativas abertas a cidadanía para a eleción da candidatura (primarias abertas a cidadanía que quera participar), e para a composición do programa electoral, mediante iniciativas presenciais (asembleas, comisión de traballo, etc) e virtuais por internet (foros, enquisas, etc).
Por último, Espazo Ecosocialista trasladoulle a Anova, igual que fará a Esquerda Unida, a súa proposta de vertebración estratéxica da esquerda nacional arredor dun proxecto cooperativo estable que atope as formulas concretas en cada momento, permitindo construír unha alternativa estratéxica á dereita.