Cervo, 4 de outubro de 2013-O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, reuniuse esta semana en Santiago coa conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, para abordar a seguinte etapa da residencia e centro de día de San Cibrao.
O rexedor transmitiulle á conselleira que a primeira fase, a da obra civil e a da dotación de mobiliario básico, xa está finalizada, e durante o mes de outubro será recepcionada. Un proxecto que tivo un custo de 1,8 millóns de euros e que foi financiado na meirande parte pola Xunta de Galicia, que investiu máis de 1,7 millóns de euros, mentres o Concello aportou uns 112.000 euros.
Deste xeito, agora queda pendente completar o equipamento industrial da residencia e centro de día, que inclúe maquinaria e outras instalacións das cociñas e lavanderías, así como mobiliario dos dormitorios para prestar un servizo integral e de calidade. Uns elementos orzamentados en 400.000 euros e para os que o Concello comezará a buscar financiamento entre distintas administracións coa fin de ultimar este servizo, que disporá de 78 prazas, das cales 25 serán para centro de día e 53 para residentes. “Somos conscientes de que a situación é complicada, pero agardamos poder dispoñer de financiamento para rematar esta infraestrutura” asegura o mandatario cervense.
Capacidade e instalacións
O edificio está dividido en cinco andares: semisoto, planta baixa e tres plantas. No semisoto situaranse as instalacións e servizos do centro e da residencia, como a cociña, a lavandería, os almacéns e os vestiarios, e disporá de saída á área de lecer do xardín. Na planta baixa estará a entrada principal e os servizos administrativos, así como a zona da consulta médica e rehabilitación e unha sala de actividades para os usuarios.
As tres plantas altas teñen carácter residencial, polo que contan con habitacións (oito dobres e dúas individuais por planta) ademais dunha sala de estar-comedor, a enfermería e as zonas de control. En canto ás dimensións, disporá dun total de 2.500 metros cadrados útiles e uns 3.000 metros cadrados de superficie construída.