Cervo, 9 de outubro de 2013-O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, quere manifestar o seu agradecemento e o de todo o grupo de goberno á Asociación de Axuda ao Enfermo Mental “A Mariña” por promover e incentivar a construción e posta en marcha dunha residencia e centro ocupacional para persoas afectadas por doenzas psíquicas.
“Penso que toda a sociedade ten que agradecer a esta asociación o seu esforzo e traballo para abrir a primeira residencia para enfermos mentais da provincia de Lugo” asegura o rexedor, que participou no acto de inauguración do centro e no que tamén estiveron demais membros do equipo de goberno.
Ao mesmo tempo, Villares tamén puxo énfase en que este centro residencial é posible “a través da colaboración de numerosas institucións que se implicaron e traballaron de forma conxunta para facer realidade unha infraestrutura e uns servizos que virán a mellorar a calidade de vida de moitas persoas”.
Durante o acto, o mandatario cervense destacou a “importante labor que desenvolve esta asociación diariamente no apoio aos enfermos mentais e ás súas familias e na procura da súa integración na sociedade e a súa rehabilitación”, polo que as súas iniciativas “merecen e requiren o apoio das administracións”.
Neste sentido, Villares lembra que o Concello de Cervo “puxo o seu gran de area para contribuír coa asociación e co seu obxectivo de poñer en marcha esta residencia”, achegando axuda económica e loxística, como por exemplo, financiando as obras de dotación de abastecemento de auga potable e de saneamento para o centro, entre outras medidas. “Fixemos e seguiremos facendo todo o que estea na nosa man para contribuír con esta entidade e coa súa excelente labor” remata o rexedor.