Cervo, 10 de outubro de 2013-O Concello de Cervo deu a coñecer hoxe o programa de actividades para os meses de outubro e novembro titulado “Pasatempos de outono”. Trátase dunha oferta elaborada e coordinada de forma conxunta por todas as concellerías. Un programa que foi recompilado nuns folletos de pequeno formato, moi manexables, nos que a veciñanza pode consultar todas as actividades previstas para estes meses nun único documento.
Este programa de man xa foi enviado a todos os fogares cervenses co obxectivo de que a información das actividades “chegue a toda a poboación e deste xeito promover a máxima participación” asegura o rexedor, Alfonso Villares, que estivo na presentación dos novos folletos xunto a membros do equipo de goberno. Así, dende onte e nos próximos días agárdase que todos os veciños do concello atopen nos seus buzóns un exemplar do programa.
Unha forma de traballar que o Concello pretende manter no tempo xa que resulta “moi útil á hora de organizar as actividades das diferentes áreas” e que tamén é “moi práctico para os veciños, que dispoñen dun programa unificado”. Villares definiu esta liña como “un paso adiante no fomento dunha vida activa e dinámica do noso municipio”.
Programa
O programa inclúe un conxunto de eventos que enchen case ao completo o calendario, de forma que son escasos os días baleiros de actividades. Este outono, programáronse numerosas novidades. Unha delas é a Escola de Maiores, dirixida a persoas a partir de 50 anos na que se pretende mellorar os coñecementos do alumnado interesado en aprender máis sobre materias como idiomas estranxeiros, manualidades, literatura universal, historia, informática, reciclaxe e alimentación, pintura, beleza e saúde, escritura, ortografía e matemáticas.
Tamén se estrea este outono a Ocioteca, dirixida a nenos e nenas de infantil e primaria, segundo a actividade, e que terá lugar todos os sábados pola mañá na Casa do Mar. Unha Ocioteca na que os pequenos participarán en actividades moi variadas dirixidas ao entretemento e á aprendizaxe como manualidades, experimentos, xogos ou rutas de sendeirismo entre outras.
Para a xuventude cabe destacar o Encontro aberto de música para mozos, os sábados pola tarde, e no que poderán participar aqueles artistas ou grupos que queiran compartir a súa música e as súas experiencias.
Ao mesmo tempo, tamén se manteñen aquelas actividades que en anteriores edicións rexistraron bos niveis de participación e que deste xeito vanse convertendo en habituais. É o caso da Larpeirada de ourizo de outono, o concurso de sobremesas elaboradas con castañas que terá lugar en novembro. Ao remata ofrecerase un magosto popular. Tamén volve o concurso de debuxo infantil “A Castaña”, a festa infantil de disfraces do Samaín ou a actividade Recordando contos de onte, que nesta ocasión se celebrará tanto en Cervo como en San Cibrao.
Público infantil
En canto ás actividades para nenos e nenas, ademais das xa mencionadas, cabe lembrar que un ano máis se impartirá o taller de teatro infantil, que arrinca este venres. Ademais, este sábado, no Ecomuseo, ofrecerase un taller de manualidades relacionadas co outono para nenos de segundo ciclo de infantil mentres o domingo haberá un contacontos que incluirá un taller de manualidades na Casa da Cultura.
Ao mesmo tempo, manterase a celebración do Día da Biblioteca o 24 de outubro coa expedición de carnés infantís especiais para nenos e nenas. Ademais, de cara ao Samaín, impartirase un obradoiro infantil para a elaboración de disfraces e elementos relacionados con esta festividade. E seguindo coa dinámica iniciada hai uns meses na que se promovían as actividades interxeracionais, ofrécese a actividade Contos de Medo!, para avós e netos.
Adultos
O público adulto, pola súa banda, poderá acudir a obras de teatro, como é o caso de “A miña sogra é incrible”, da compañía A Rabela, ou “2155”, de Nova escena. Destaca tamén a exposición de fotografía de Isidro Cea titulada “Anxos, demos e outros retratos divinos de la muerte”.
Ao mesmo tempo cabe salientar a posta en marcha das Xornadas de Igualdade, que inclúen charlas sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, sobre adestramento en habilidades sociais básicas, xestión emocional do tempo, e relaxación e conciencia corporal, que se desenvolverán en catro días diferentes. Nas xornadas tamén se inclúe un taller de novas tecnoloxías para mulleres e homes, contacontos para toda a familia e a proxección dunha película sobre a muller.
Ademais, o Concello conmemorará o Día contra a Violencia de Xénero cunha serie de actividades que inclúen unha charla, un curso de defensa persoal para mulleres e unha exhibición de Tai-Chi.
PASATEMPOS DE OUTONO
TALLER DE TEATRO INFANTIL
11, 18, 25 de outubro
8, 15, 22 e 29 de novembro
De 16:30 a 17:30 horas na Casa da Cultura
Inscricións na Casa da Cultura
TALLER DE OUTONO INFANTIL
12 de outubro ás 12:30 horas no Ecomuseo
Inscricións na Casa da Cultura e no Concello ata o día 11
CONTACONTOS “UN DÍA DE OUTONO”
13 de outubro ás 17:00 horas “O Rincón do Trasgo” na Casa da Cultura
A continuación taller de manualidades de outono
ESCOLA DE MAIORES
Para maiores de 50 anos
Inscricións na Casa da Cultura e no Concello
A partir do 21 de outubro de 12 a 13 horas
Luns e mércores na Casa da Cultura
Martes e xoves no Ecomuseo
ENCONTRO ABERTO DE MÚSICA PARA MOZOS
19, 26 outubro e 9 e 16 de novembro ás 20 h. na Casa do Mar
OCIOTECA
Inscricións na Casa da Cultura
19, 26 de outubro e 9, 16, 23 e 30 de novembro de 12 a 13:30 horas na Casa do Mar
Continúa en decembro
OBRA DE TEATRO DE OUTONO
“Miña sogra é incrible”
20 de outubro ás 19 h. Compañía A Rabela
Auditorio da Casa da Cultura
XORNADAS DE IGUALDADE OUTUBRO
Charlas sobre igualdade
Día 21: “Igualdade de oportunidades entre mulleres e homes” ás 19:00 h. na Casa da Cultura
Día 23: “Adestramento en habilidades sociais básicas” ás 20 h. no Ecomuseo
Día 28: “Xestión emocional do tempo” ás 19 h. na Casa da Cultura
Día 30: “Relaxación e conciencia corporal” ás 20 h. no Ecomuseo
Taller de novas tecnoloxías para mulleres e homes
22, 24 e 29 de outubro na Casa da Cultura
Inscricións na Casa da Cultura e no Concello
Contacontos para toda a familia
25 de outubro ás 20 h. na Casa da Cultura
Muller e cine
31 de outubro, peche das xornadas cunha película sobre a muller ás 19 h. na Casa da Cultura
MAGOSTO DO PAI
22 de outubro ás 17:30 horas na Casa do Mar
DÍA DA BIBLIOTECA
24 de outubro
Carnés infantís especiais de socios na Biblioteca de San Ciprián e no Punto de Lectura de Cervo
SAMAÍN DO PAI
31 de outubro ás 17:30 horas na Casa da Cultura
TALLER DE SAMAÍN INFANTIL
Inscricións na Casa da Cultura e no Concello
1 de novembro ás 12 h. no Ecomuseo
SAMAÍN: FESTA INFANTIL DE DISFRACES
Sen inscrición previa
2 de novembro ás 18 h. na Casa do Mar
CONTOS DE MEDO!
Para avós e netos
3 de novembro ás 12 no Ecomuseo
EXPOSICIÓN DE FOTOGRAFÍA DE ISIDRO CEA
“Anxos, demos e outros retratos divinos de la muerte”
Do 8 ao 29 de novembro
Sala de exposicións Casa da Cultura
De luns a venres de 9 a 13:30 e de 17 a 20 horas
OBRA DE TEATRO DE OUTONO
“2155” Compañía Nova escena
16 de novembro ás 19 h. no Auditorio da Casa da Cultura
RECORDANDO CONTOS DE ONTE EN SAN CIPRIÁN
19 de novembro ás 19 h. na sala acristalada da Casa da Cultura
RECORDANDO CONTOS DE ONTE EN CERVO
21 de novembro ás 19 h. no Ecomuseo
CONCURSO DE DEBUXO INFANTIL “A CASTAÑA”
Bases na Casa da Cultura a partir do día 4 de novembro
Entrega de premios o 23 de novembro durante a Larpeirada de Ourizo de Outono
DÍA MUNDIAL INFANTIL
Inscricións na Casa da Cultura
23 de novembro de 12 a 13:30 h. na Casa do Mar
Coincidindo coas actividades da Ocioteca
LARPEIRADA DE OURIZO DE OUTONO
Concurso gastronómico de sobremesas de castañas
Bases na Casa da Cultura a partir do día 4 de novembro
23 de novembro ás 18 h. Sala de exposicións da Casa da Cultura
MAGOSTO POPULAR
23 de novembro ás 19 h. na prazoleta de San Ciprián
SEMANA EN CONTRA DA VIOLENCIA DE XÉNERO
Charla sobre a violencia de xénero
25 de novembro, 19 h. na Casa da Cultura
Curso de defensa persoal para mulleres
Inscricións na Casa da Cultura e no Concello
26, 27 e 28 de novembro
De 20 a 21 h. no Ecomuseo
Peche da semana con exhibición de Tai-Chi (asociación Alborada), merenda cos participantes e entrega de diplomas.
29 de novembro.